Ferrol ve na RAG unha “falta de respecto” á cidade por trasladar o pleno das Letras Galegas

O alcalde da cidade, o socialista Ángel Mato, acusa á Real Academia Galega por celebrar o acto en Compostela e di que o Concello "compromete" a homenaxe ao autor Ricardo Carvalho Calero para 2021. A corporación ao completo xa considerada necesario que o escritor ferrolán tivese unha lembranza nun ano que non estivera marcado pola pandemia.

 

Imaxe de arquivo da inauguración dunha mostra sobre Carvalho Calero. (Foto: Concello de Ferrol)
photo_camera Imaxe de arquivo da inauguración dunha mostra sobre Carvalho Calero hoxe mesmo. (Foto: Concello de Ferrol)

O rexedor da cidade de Ferrol, Ángel Mato, volveu manifestarse hoxe en contra da decisión da Real Academia Galega (RAG) de trasladar o acto oficial polo Día das Letras Galegas na honra de Ricardo Carvalho Calero da súa cidade natal (Ferrol) a Compostela.

O evento adiouse en varias ocasións e mesmo estivo previsto en Ferrol pero finalmente a Academia decidiu que decorrese esta pasada fin de semana en Compostela. Ante esta opción a corporación en bloque advertiu de que non acudiría ao evento en sinal de protesta.

Malia o aviso, a RAG seguiu coa axenda planificada e esta segunda feira Mato acusou á entidade de “faltar ao respecto” á cidade de Ferrol por non elixila para ese plenario central.

Neste sentido o rexedor lembrou que o homenaxeado neste peculiar ano é orixinario de Ferrol e tamén alí fixo parte da súa carreira literaria.

O alcalde socialista fixo estas acusacións na inauguración dunha mostra da Deputación sobre Calvalho Calero na que tamén estaba presente o presidente da institución, Valentín González Formoso.

“Teño que expresar o meu malestar como alcalde de Ferrol por como foron todos os acontecementos ao longo deste ano excepcional; un malestar que se estende por toda a cidade”, destacou Mato no acto, en plena praza de Armas.

“Xa sei que é tarde pero o que non pode ser é que unha persoa á que se dedica esta distinción non se poda celebrar na súa cidade natal, aquí en Ferrol”, engadiu, asegurando que o Concello ten previsto que 2021 tamén sexa na honra deste veciño de Ferrol Vello.

Se ben é certo que a RAG xa rexeitou centrar outras Letras Galegas no escritor, na súa localidade de nacemento si terá lembranzas na medida das posibilidades do Goberno local.

Comentarios