Ferrol lembra Amada García 82 anos despois do seu asasinato polos fascistas

Na cuestión da represión, o franquismo nunca fixo de menos ás mulleres. Igualados pola morte, seis homes -Germán López, Juan José Teixeiro, José María Montero, Ángel Roldos, Antonio Eitor Caniça, Ramón Rodríguez, Jaime González- e unha muller situábanse coas costas sobre un dos muros do castelo de San Filipe tal día como o de onte en 1938. Un pelotón de fusilamento remataba sen piedade coas vidas de todas. Agora, Ferrol homenaxea á "vítima máis simbólica da represión contra as mulleres"

002c0cdd-2d68-4852-aea0-df538160afc4
photo_camera Ofrenda floral realizada en memoria de Amada García no castelo de San Filipe. (Foto: Memoria Histórica Democrática)

O castelo de San Filipe de Ferrol acolleu durante a xornada de onte unha homenaxe a Amada García, no mesmo lugar no que foi asasinada polos fascistas coincidindo co 82 aniversario da súa morte.

Á fronte da organización do acto estivo o departamento de Protocolo do Concello de Ferrol, tal e como vén sucedendo desde a institucionalización do mesmo, no ano 2016, como o día para lembrar as vítimas do franquismo. 

Veciñas, amigas, representantes políticas e sindicais e membros da Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol -a anterior entidade organizadora- protagonizaron unha ofrenda floral que logo se repetiría no cemiterio de Serantes, onde están soterradas tanto a propia Amada García como o seu fillo Gabriel Toimil, quen viu como a súa nai recibía morte tan só 88 días despois de dar a luz.

Morta por revolucionaria

Na cuestión da represión, o franquismo nunca fixo de menos ás mulleres. Igualados pola morte, seis homes -Germán López, Juan José Teixeiro, José María Montero, Ángel Roldos, Antonio Eitor Caniça, Ramón Rodríguez, Jaime González- e unha muller situábanse coas costas sobre un dos muros do castelo de San Filipe tal día como o de onte en 1938. Un pelotón de fusilamento remataba sen piedade coas vidas de todas.

A única muller asasinada aquela tarde levaba o nome de Amada García, e o seu delito era ser militante do Partido Comunista. Após un arresto domiciliario en Mugardos ao pouco da insurrección dos fascistas -no que se lle corta o pelo ao cero, unha estratexia clásica de tortura- é sometida a traballos forzosos até que, xa no mes de abril de 1937, entra na cadea estando embarazada.

Nese período dá a luz ao seu fillo, Gabriel, e sométena a un consello de guerra no que é castigada coa pena máxima: a morte ante o pelotón de fusilamento.

O único claro a partir dese momento é que, como sinala no seu libro Amada García e os seus arredores o historiador mugardés Bernardo Máiz, logo do seu fusilamento torna "na vítima máis simbólica da represión contra as mulleres", pasando a ser nese intre unha "pobre muller" para uns e unha "heroína" para outras, debido ás diferentes versións que se transmitiron do suceso.

Así, nalgunhas era unha "vítima das circunstancias que durante o fusilamento empezou a chorar desesperadamente" e noutras "unha heroína que incluso chegou a arengar os soldados coas verbas 'rapaces, non vos preocupedes que a culpa non é vosa'". 

Mais o historiador desmitifica en certo modo a figura de Amada García, pois considera que foi "unha vítima máis, que chega á categoría de mito polo especial dramatismo das circunstancias: unha nai que deixa dous orfos".

Non obstante, resalta que ten unha traxectoria social e política "valiosísima", na que chega a compartir mitins con Dolores Ibárruri, a Pasionaria.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube 

Comentarios