CULTURA

Ferrol abre a campaña de Feiras do Libro

Ferrol abre a campaña de Feiras do Libro

A partir do venres 19 e ata o martes 23 de abril as librarías sacan os libros á Praza da Constitución na XXIV Feira do Libro e a VI Festa da Lectura, do Libro e da Palabra, a primeira das once citas ao aire libre na campaña de Feiras da Federación de Libreiros. 

Feira do Libro de Ferrol
photo_camera Feira do Libro de Ferrol

Con nova imaxe e nova páxina web, as Feiras do Libro inician a súa andaina coa chegada do bo tempo e a primera cita é en Ferrol, na Praza da Constitución onde, a partir do día 19 quedará aberta a XXIV edición da Feira do Libro que cadra coa VI Festa da Lectura, do Libro e da Palabra. 

A inauguración oficial será ás 19:00 horas, con intervencións oficiais e actuación do Real Coro Toxos e Frores. Mália que a apertura é á tarde, desde a mañá ás 10:00 prográmanse actividades infantís e as casetas estarán abertas ao público desde as 11:00. 

Ao dicir do director da feira e presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, nesta edición agárdanse “boas expectativas e noviades, como a atención ao libro dixital, a caseta outlet con libros de ocasión, as presentacións nas casetas ou o ambigú-cafetería”. 

Do 19 ao 23 haberá en Ferrol tamén posibilidade de participar nunha morea de actividades que a Feira oferece. Espectáculos teatrais, presentacións de libros, maxia, actividades infantís para colexios ou contacontos conforman un programa idde eado para todos os públicos nos que se insiren diversos espazos para presentacións de libros de carácter local, con Ferrol como protagonista. Maquinaria Teatro coa obra “Touporroutou” de Vidal Bolaño, Maxia de Mago Toño, contacontos de Paula Carballeira ou o Principiño de Maquinaria Teatro forman parte da oferta de espectáculos da feira. 

De Ferrol a Rianxo
 
O listado de participantes comprende á Libraría Cortizas (Ferrol), Metrópolis Cómics (Ferrol,con especialidade en cómic), Central Libnestrera Dolores (Ferrol, dedicada ao libro naval e militar), Espacio Lector Nobel (Ferrol), Libraría Cartabón (Vigo, especializada en libro dixital) e A Serpe Edicións. Canda estas casetas, a Feira abrirá unha destinada á Biblioteca Infantil destinada ao público cativo e outra á Caseta Outlet na que se poderán adquirir libros descatalogados e de ocasión. 

O calendario oficial de feiras do libro novo que organiza a Federación de Libreiros de Galicia continuará en Santiago de Compostela do 27 de abril ao 5 de maio para seguir en Lugo, entre o 14 e o 19 de maio; Pontevedra, do 21 ao 26 de maio; Ourense, do 4 ao 9 de xuño; Vigo,do o 28 de xuño e máis o 7 de xullo; A Coruña, do 1 ao 11 de agosto; Viveiro, entre o 13 e o 16 de agosto; Foz, do 17 ao 20 de agosto; Monforte de Lemos, entre o 21 e o 24 de agosto; para rematar en Rianxo, do 25 ao 28 de agosto.
 

comentarios