Ferrín tarda dous meses en facerlle fronte ao PP polos recortes á Academia

O presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín tarda dous meses en facerlle fronte ao PP polo recorte dun 70% nos orzamentos do Estado e aproveita unha xuntanza coa vicevoceira de AGE, formación que el mesmo apoiou, para esixir á Xunta que compense a rebaixa que pon “en perigo” á institución que preside.

 
Ferrín (Arquivo AELG)
photo_camera Ferrín (Arquivo AELG)

O día 4 de outubro, hai agora dous meses, coñecíase a noticia da redución da cantidade destinada á RAG nos orzamentos do Estado que pasaría, nese exercio a contar cun 50% menos. Este descenso supuña que a institución que se ocupa da lingua galega pasaría desde a chegada do PP ao goberno español de recibir un millón de euros a contar só con 340.000. No último ano do goberno do PSOE e despois de pactar unha emenda presentada por Francisco Jorquera do BNG no Parlamento español, a RAG viu como a partida destinada nos orzamentos pasou a un millón de euros, cantidade que desde a chegada de Rajoy se viu reducida nun 70% en dúas baixadas consecutivas.

Con esa información, Xosé Luís Méndez Ferrín manifestaba entón a preguntas de Sermos o seu “desacordo” mais remitía a unha futura reposta que se prepararía “de maneira conxunta desde o Plenario”, resposta que en dous meses non se fixo pública. Aproveitou agora o presidente da RAG a xuntanza con Yolanda Díaz, vicevoceira da AGE no Parlamento Galego, para expor a lamentábel situación en que ese recorte deixa a Academia e demandar á Xunta de Galiza que compense esta reducción nos seus orzamentos.

Ferrín chegou a dicir despois da xuntanza que a propia continuidade da Academia estaba en cuestión se a Xunta non se facía cargo desa diminución do 70% dos orzamentos do Estado. A vicevoceira de AGE anunciou unha interpelación ao goberno da Xunta para que contemple esta situación da Academia. 

Comentarios