Ferrín: "Sempre se pode cambiar de opinión"

O aínda presidente da RAG respondía así á pregunta de se pensa reconsiderar a súa demisión. Méndez Ferrín desenvolveu este sábado o que a priori se presentaba como o seu último acto á fronte da institución, porén o escritor deixou aberta a porta a unha posíbel mudanza no seu parecer.
Manuel Rivas pronuncia o seu discurso [Imaxe: Óscar Paris]
photo_camera Manuel Rivas pronuncia o seu discurso [Imaxes: Óscar Paris]

A entrada como académico na rúa Tabernas de Xosé Fernández Ferreiro perfilábase como o último acto oficial de Xosé Luís Méndez Ferrín á fronte da Academia galega após o anuncio da súa demisión como presidente desta insitución. Porén, inquirido pol@s xornalistas verbo de se podería mudar de opinión e reconsiderar a súa permanencia na Academia, Ferrín asegurou que "sempre se pode mudar de opinión". 

O escándalo por casos de nepotismo -a contratación nunca explicada de familiares, entre eles, a filla do propio Ferrín- e o confronto larvado no seo da institución, entre os ferrinianos e aqueles que se nuclean arredor de Ramón Villares e Henrique Monteagudo, acabou por provocar a renuncia do presidente da Real Academia. No entanto, nos últimos días intensificáronse as voces a prol da continuidade de Ferrín, cando menos como numerario. O escritor de Con Pólvora e Magnolias recebiu o apoio de Manuel Rivas e da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Coa súa resposta, Ferrín deixa aberta a posibilidade dunha marcha atrás na súa demisión.

Rivas volta a dar a cara por Ferrín. Avala o seu balanzo de xestión, sen se referir en ningún momento ás acusacións de nepotismo que pesan sobre el

En declaracións á imprensa, Rivas voltou hoxe a dar a cara por Ferrín. Fixo votos por que o presidente demisionario reconsidere a súa renuncia. Dixo que a Real Academia Galega non sería o mesmo sen o autor de Bretaña, Esmeraldina.

Rivas avala o balanzo de xestión de Ferrín polo seu compromiso a prol da normalización da lingua galega, sen se referir en nengún momento ás acusacións de nepotismo que pesan sobre el.

Ingreso de Xosé Fernández Ferreiro na RAG

Ferrín e Rivas realizaron estas declaracións á imprensa minutos despois de Xosé Fernández Ferreiro ter pronunciado o seu discurso de ingreso como novo académico da RAG.

O veterano escritor, autor de Morrer en Castrelo de Miño, disertou sobre os vínculos entre o xornalismo e a escrita, nunha alocución en que denunciou a deterioración das condicións laborais en que desenvolven o seu traballo @s xornalistas.

O novo académico vai ocupar a cadeira que até o seu falecimento pertenceu a Fernández del Riego.

Fernández Ferreiro lamentou que nos últimos anos fechasen meios que empregaban a lingua galega, de forma exclusiva, tais como A Nosa Terra ou Galicia Hoxe, ou alternándoa co español, como Xornal de Galicia.

Por parte da RAG pronunciou o discurso de benvida Manuel Rivas, quen gabou o novo académico pola verdade que contén a súa obra, quer a xornalística quer a literaria.

Comentarios