sábado 26/09/20

Ferrín elude esclarecer a contratación de familiares na RAG

“Non hai comentarios diso, non insista”. Así zanxou Xosé Luís Méndez Ferrín nunha entrevista na RG as preguntas de Kiko Novoa a respecto da contratación pola RAG de súa filla e de seu xenro. A tensión subiu de ton cando o xornalista lle preguntou polo uso de coche oficial.
Ferrín reúnese en San Caetano con Feijóo
Ferrín reúnese en San Caetano con Feijóo

Nun tira-puxa entre o xornalista Kiko Novoa e o presidente da Real Academia Galega converteuse a entrevista de hoxe no programa "O día por diante" da RG despois de que o xornalista pregutnase pola contratación a través da institución da filla e o xenro de quen é seu presidente. Foi o primeiro choque nunha entrevista na que o nivel de tensión subiría aínda máis cando o entrevistador se referiu ao uso do coche oficial. 

“Xa sei que é unha entidade privada, mais financiada con cartos públicos”, comezou o xornalista para preguntar pola contratación no cadro de persoal da Academia da filla e xenro do seu presidente. “Non hai comentarios diso, non insista” pechou Ferrín un tema que aínda se tensionaría máis ao lle preguntar Novoa polo uso do coche oficial: “Pero de onde sacou isto? A Academia dispón dun coche para o servizo que forma parte do parque móbil da Xunta de Galiza, é un coche do señor Rueda”. “Non insista, home, acabo de contestarlle”, repetiu cando o xornalista retrucou coa pregunta. Mais Novoa seguiu sobre o asunto até o punto de poñer notabelmente nervioso ao presidente da Academia, o que el mesmo fixo notar cun: “Non se sente cómodo nesta entrevista?”.

“Señor Ferrín, é difícil manter a coherencia co independentismo e a súa ideoloxía coa Presidencia da Academia?” espetoulle de novo Novoa ao que Ferrín respondeu: “En absoluto, é fácil. Non é fácil manterse nunha actitude diplomática en sede administrativa, mais non é nada imposíbel. Eu teño excelentes relacións co presidente da Xunta, co actual ministro, e proba é que conseguimos, mediante esas boas relacións e esa diplomacia non ser peor tratada que a vasca e española. Neste momento recibimos o mesmo trato económico, grazas a que as relacións foron boas e se explicou ben a situación”.

Xosé Luís Méndez Ferrín recoñeceu que o tempo da presidencia se lle está a facer “longo” en especial por ter tido a urxencia de reclamar un “estatus económico” que se mellorou a respecto da situación anterior. Lamentou tamén que a galega sexa da das tres nacionalidades históricas a que menos recibe do seu goberno autónomo.

A respecto das críticas pola baixa presenza de mulleres no plenario da Academia, o presidente afirmou que é “unha sensación realmente interesada, todo o mundo sabe que hai unha proporción de mulleres superior á española e francesa pero preséntase como unha academia machista”.

comentarios