Ferrín presenta a nova obra de Rivas tres días antes de que "Todo é silencio" inaugure a Seminci

Por vez primeira Xosé Luís Méndez Ferrín presentará unha obra de Manuel Rivas. Sentarán á mesa o día 17 na Coruña dous dos máis destacados nomes da literatura galega para dar a coñecer As horas baixas, o que se intúe como un dos títulos máis persoais e íntimos do escritor. Será apenas tres días antes de que o filme de José Luís Cuerda Todo é silencio, baseado na novela de Rivas, inaugure a Seminci.

 
Manuel Rivas
photo_camera Manuel Rivas

“O relato dos afáns dos membros dunha familia traballadora –un albanel, unha leiteira e catro fillos, que constrúen a súa vida, primeiro na rúa da Marola do Monte Alto e logo en Castro de Elviña, onde rolan os ventos– é a novela da vida de todos os humildes e todos os anónimos” comenta no seu blog o editor Manuel Bragado (Xerais), a poucos días de que o libro se distribúa nas librarías. As voces baixas, constitúe tamén un relato da iniciación á vida por parte da vida dos irmáns Manuel e María Rivas. Cun marcado carácter autobiográfico, o libro incorpora fotografías do álbum persoal de Manuel Rivas.

A presentación de As voces baixas terá lugar o día 17 de outubro, ás 20.00 na Biblioteca Pública Durán Loriga da Coruña e contará coa presenza do escritor e presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

“Un argumento tecido cos fíos das súas vidas, dos seus murmurios, dos seus rumores, das súas voces baixas que agariman e doen, onde Rivas atopa o que el expresa como «a boca da literatura»” explica Manuel Bragado a respecto da nova obra que se presenta como unha das máis relevantes novidades editoriais deste 2012.


Todo é silencio na Seminci


Manuel Rivas presentará As horas baixas apenas tres días antes de que a película baseada na súa novela Todo é silencio inaugure a 57 edición da Seminci, a Semana Internacional de Cine de Valladolid que ten a súa apertura o día 20 de outubro. Todo é silencio é a segunda película do director José Luís Cuerda baseada nunha obra de Manuel Rivas, despois de A lingua das volvoretas.

Producida por Gerardo Herrrero, Todo é silencio conta co propio Manuel Rivas como guionista e está protagonizada por Quim Gutiérrez,Celia Freijeiro, Miguel Angel Silvestre, Juan Diego e Chete Lera. A palícula foi rodada na Galiza e a súa estrea servirá tamén para o relanzamento editorial da novela do mesmo título.

Comentarios