Fernando Moreiras: "O galego non é unha lingua sometida ao castelán nin a ningún outro idioma"

Despois de traducir Soñan os androides con ovellas eléctricas? para o selo Factoría K, de Kalandraka, Fernando Moreiras (Vigo, 1976) recibiu a encarga de contarnos en galego Confesións dun artista de merda, a única obra fóra do xénero da ciencia ficción de Philip K. Dick. Nós Diario conversa con Moreiras arredor da tradución editorial en lingua galega.
Fernando Moreiras, tradutor.
photo_camera Fernando Moreiras, tradutor.

—Como foi atender o rexistro de Philip K. Dick fóra da ciencia ficción?

En realidade, o rexistro é moi semellante. Confesións dun artista de merda, aínda que sexa costumista no canto de ciencia ficción, é unha novela de Dick con personaxes de Dick e, de feito, atopamos moitas semellanzas entre un e outro. Cambia a historia, a intrahistoria, pero estamos ante dúas novelas onde o autor nos presenta cousas que son reais como a vida mesma e, ao mesmo tempo, desoladoras, até o punto de facernos pensar cara a onde queremos dirixirnos. Confesións dun artista de merda trasládanos a un mundo de hai moitos anos e Soñan os androides con ovellas eléctricas? a un mundo que sería ou será dentro dun anos.

—Como tradutor, as esixencias foron as mesmas en ambos os casos?

Para nada. Cada novela é un mundo e ten unhas esixencias distintas. Moitas veces a xente pregúntame pola dificultade que pode ter traducir os neoloxismos propios da ciencia ficción, todos estes termos que crean os autores para artefactos ou vehículos do futuro, aínda inexistentes. Pero iso é o máis fácil, porque teño liberdade absoluta. Nese sentido, a ciencia ficción é moito máis doada. En cambio, en Confesións dun artista de merda atopei moitas veces referencias a cousas da cultura popular dos Estados Unidos dos anos 50, que para un lector galego do ano 2020 son irrecoñecíbeis. Así, a maior dificultade que atopei neste traballo foi manter esa referencia á California dos 50 e facela comprensíbel para o público galego actual.

—Traducir un autor do que é lector e admirador representa un desafío engadido?

Como tradutor sempre tiven a sorte de traballar con autores que me gustaban de vello. Non só Dick, tamén Orwell. O feito de ter lido moito novela de ficción e moitas obras do mesmo autor sérveme para saber que lle pasa pola cabeza e para manter unha coherencia interna entre todos os textos. E o feito de poder facelo en galego ten un valor engadido porque non estou sometido ás imposicións doutras traducións anteriores. Con Dick pasou menos, porque a tradución dos títulos ao castelán foron moi fieis ao orixinal e non se prestaron tanto á comparación, que ocorre sempre. En cambio, con Orwell houbo bastante guerra nese sentido. En castelán optaron por Rebelión en la granja, que para min é un título que rompe co espírito bucólico co que arranca a novela e fai un spoiler do que vai acontecer 50 páxinas despois. Na versión galega optamos por A granxa dos animais, moito máis fiel ao orixinal inglés e proba de que o galego non é unha lingua sometida ao castelán en ningún aspecto nin a ningunha outra lingua.

—Que lugar ocupa a tradución dentro do sistema literario galego?

A tradución ao galego empezou hai moi pouco. Tivemos un tempo escaso para facer cousas. Outros idiomas levan séculos de vantaxe, de maneira que contan con traducións desde hai 200 anos, con revisións e actualizacións cada dúas décadas, e isto marca moi ben a medida de todo o traballo que nos queda por facer, tanto con autores clásicos como contemporáneos, como Dick, cos que aínda estamos no inicio.

—Con todo, a tradución editorial evolucionou nos últimos anos.

A tradución mudou por un motivo evidente, a implantación da licenciatura de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo en 1992. Até entón, todas as traducións que se fixeron viñan asinadas por filólogos, profesores de galego, de francés, de inglés... que investían o seu tempo libre a traducir. Coa aparición do título de tradución, xorde un profesional que dedica a iso todo o seu tempo de traballo, máis concentrado e máis enriquecedor. Ademais, moitos tradutores ao galego sómolo máis por militancia que por cartos e iso apréciase nas traducións, onde se ve un cariño especial.

—A propia evolución da lingua, contribúe a renovar a tradución?

Por suposto. Dunha banda, hai que ter en conta que desde 2003 a ortografía do galego muda e deu pé a traducións moi distintas, pero desde o punto de vista sociocultural tamén houbo cambios. Nunha tradución que fixen hai un par de anos, Cerráronseme os ollos, que narra a historia dunha rapaza que se ve atraída polo mundo islamita, a protagonista usa unha linguaxe moi de adolescentes e tiven que recorrer á linguaxe propia das redes sociais para reflectir o texto orixinal en francés. Desta forma, normalizas un rexistro propio dun contexto máis informal, e reflictes unha tendencia común en todas as linguas. As Academias teñen o seu peso pero quen fan evolucionar os idiomas son as falantes.

"A ciencia ficción boa é a que nos fai reflexionar"

Tradutor e xogador. Fernando Moreiras é un apaixonado da ciencia ficción, dos videoxogos e dos xogos de rol, e así o fai constar na biografía das súas redes sociais. Neste sentido, ademais de ver cumprido o soño de se poder dedicar á tradución literaria en galego, tamén logrou levar ao profesional moitos dos seus intereses persoais.

Das obras que agora mesmo bota en falta dentro do sistema literario galego, gustaríalle traducir Hyperion, de Dan Simmons. "É a miña novela de ciencia ficción favorita. O problema que pode ter é que trata temas moi sensíbeis, e isto pode supor un risco. Mais tamén é a graza da ciencia ficción. A boa non é a que nos fala de robots, senón a que nos fai reflexionar sobre o que somos e o que queremos saber. De feito, na última década os premios foron parar a mans de quen máis arriscou neste sentido".

Comentarios