Fernando Epelde gaña o Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia

Dramaturgo e actor mais tamén músico, fotógrafo ou con experiencia en cine, Fernando Epelde é o gañador do premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 

Con Stret Art Symphony, Fernando Epelde convertiuse en gañador da nova edición do Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Non é a primeira vez que o nome do ourensán aparece no programa da MIT xa que como actor formou parte do elenco de A Tempestade, a coprodución coa compañía Voadora baseada na obra de Shakespeare no 450 aniversario do seu nacemento. 

Un xurado composto pola directora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Cristina Domínguez, o actor ourensán Toni Salgado e o escritor e crítico Camilo Franco e o director da MIT, Roberto Pascual por unanimidade optaron pola obra de Epelde para concederlle o galardón de Ribadavia por tratar, segundo fixeron constar, dunha historia arredor de situacións conflitivas da nosa contemporaneidade como o illamento ou os desencontros xeracionais. As novas formas de relación entre as persoas e a transformación de personaxes son tamén outros dos valores destacados polo xurado do Abrente. Destacan tamén as “novas posibilidades dramatúrxicas” do texto de Epelde, un actor e autor que gañou, entre outros, o Premio da SGAE en 2012 con La Playa de Madrid ou o Marqués de Bradomín por Om. 

A MIT pecha a súa trinta edición coa presentación de dous filmes que teñen o teatro como motivo, o dirixido por Alfonso Zarauza sobre o documental sobre as Ultranoites da Nasa e “O que hai que facer para non ir ao mar”, a memoria do teatro profesional a través da historia de Tuto Vázquez e a actriz María José Mosteiro nun filme dirixido polo seu fillo Iago Vázquez. 

Comentarios