Fernando Castro gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

Coa peza ‘Ofelia ou o cabeiro da cóbrega’.  O xurado subliña a “recuperación da maxia” e unha “sólida carpintaría dramatúrxica”.

Fernando Castro Paredes - Dramaturgo
photo_camera Fernando Castro Paredes.

O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida (O Porriño) Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”. Así como “a recuperación da maxia para o teatro cunha riqueza de accións dramáticas que poden resultar moi estimulantes á hora de poñelas sobre as táboas, tanto para un equipo artístico como para o público”.

O certame está organizado pola compañía viguesa Feira do Leste, Á Feira Edicións e co apoio da Deputación de Pontevedra.

Este certame procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. 

Fernando Castro Paredes nace en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. É licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce coma profesor de ensino secundario no I.E.S. Fernando Blanco de Cee). Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. É autor dos poemarios Caderno de don(i)celas, Coma se nada sucedese e Excrementos (todos eles accésits do Premio Francisco Añón de Poesía) e do relato O espacio exterior (Premio de Narrativa Historias Na Universidade).

Comentarios