Concedidos os Premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde de teatro

Fernando Castro, Ana Carreira, José Luis Baños e Eva Mejuto foron as autoras e autores premiados. Nesta edición presentáronse un total de 84 obras literarias orixinais.
Fernando Castro, Melania Cruz, José Luis Baños e Eva Mejuto (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Fernando Castro, Melania Cruz (que recolleu o premio de Ana Carreira), José Luis Baños e Eva Mejuto (Foto: Xunta da Galiza).

A Xunta da Galiza deu a coñecer onte no Salón Teatro de Santiago as obras gañadoras dos tres premios de literatura dramática que convoca bianualmente co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral.

O XXVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais recaeu en Fernando Castro Paredes polo monólogo O traxe, mentres que Ana Carreira obtivo o XII Premio Manuel María de literatura dramática infantil por Nin me amoles e o XVI Premio Barriga Verde para textos de teatro para monicreques foi para Eva Mejuto por Os contos de Lobicán, na modalidade para rapaces, e José Luis Baños de Cos por Nas nubes, na de adultos. 

O Álvaro Cunqueiro, o máis lonxevo de todos, conta cunha dotación de 8.000 euros, mentres que o resto de galardóns e modalidades contan con 6.000 euros en cada caso. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións

Valoracións do xurado

Este ano integraron o xurado Cristina Domínguez, Santiago Cortegoso, Esther Carrodeguas, Francisco Macías, Carolina Ramos e Carme Varela, que emitiron o seu ditame a partir dos 84 orixinais presentados, dos que 48 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 17 ao Manuel María, 11 á modalidade infantil do Barriga Verde e oito á categoría de teatro para adultos deste premio. 

Respecto da obra gañadora do Álvaro Cunqueiro, O traxe, o xurado valorou moi positivamente a calidade da súa escrita, ademais dunha “textualidade contemporánea excelentemente estruturada e dotada dun interesante ritmo, así como dun inquietante humor negro”. 

Pola súa parte, na obra Nin me amoles de Ana Carreira o xurado do certame destacou "a creación dramática da protagonista, que se afasta do rol feminino clásico tanto polo seu comportamento como polo seu pensamento, combinando habilmente a inxenuidade coa complexidade psicolóxica". 

Os contos do Lobicán, texto gañador do XV Premio Barriga Verde, contou para o xurado cunha concepción plástica que “reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de pór solucións relacionadas con tendencias máis actuais”. 

Por último, a obra de José Luis Baños de Cos, Nas nubes, o xurado escolleuna por ser “unha proposta clara e atractiva” cara a unha posta en escena na que se mesture "a intervención dos manipuladores dos monicreques cos propios personaxes".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios