Fernando Barroso presenta disco en solitario, 'Intropía'

Intropía, con 17 temas propios, é o primeiro traballo en solitario do músico ferrolá, no que interpreta 30 instrumentos distintos, desde bouzouki, a mandolina, banjo ou cavaquinhos.

fernandobarroso
photo_camera Fernando Barroso [foto: JL Rúa]

O músico galego Fernando Barroso lanza ao mercado o seu primeiro traballo en solitario, un álbum con 17 temas propios que presenta unha nova sonoridade no ámbito do folk sinfónico. A 'ópera prima' de Barroso leva o nome de Intropía, concepto co que o músico, compositor e produtor de Ferrol describe experiencias e vivencias persoais e no que tamén expresa unha evolución interna, "ante a necesidade de ordenar ideas nun momento no que todo avanza moi de présa", segundo o autor. 

"Intropía é unha forma de definir ese caos interno que ás veces nos pode complicar a vida e que ás veces pode ser marabilloso", describe Fernando Barroso (Ferrol, 1979). Guitarrista vocacional, Barroso é multi-instrumentista de corda pulsada e neste disco, con predominio de corda e percusión, toca guitarras (eléctrica, acústica, clásica ou portuguesa, de Lisboa), cavaquinho portugués, mandola, mandolina, bouzouki irlandés, baixo, teclados ou piano,  voz e percusións.

"Apetecíame achegarme a Ferrolterra para contar todas estas historias que tiña na cabeza, como símbolo da volta ás orixes", conta Barroso, que destaca a súa faceta nesta primeira obra de "intentar facer falar aos instrumentos", e expresar a través das melodías.

No primeiro disco en solitario do músico galego, resultado dun ano e medio de reflexión, composición e produción, soan tamén adufes, pandeiretas, tixolas, batería, violíns, gaitas, trompetas, acordeóns, cello, low whistle, arpa céltica, bombo, bendhir, tambor ou djembé, ademais de voces. Colaboran en Intropía intérpretes e instrumentistas do nivel de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xosé Manuel Budiño ou Begoña Riobó.

Traxectoria

Barroso forma parte de bandas como Riobó, Budiño e TRIM e ten colaborado con músicos como Anxo Lorenzo, Xabier Díaz e Julio Pereira. Foi parte da banda Os Cempés. Cos músicos como Eoghan Neff e Luis Peixoto fundou o trío internacional Assembly Point. Con Peixoto, músico portugués, tamén coproduciu traballos como POP, no ano 2013, ou TRIM, en 2014.

Comentarios