Nacido ao abeiro da conmemoración do Ano da Memoria no 2006 a iniciativa da Consellería de Cultura e Deporte dirixida por Ánxela Bugallo en convenio coas tres Universidades, o proxecto Nomes e Voces pescudou desde entón nas historias das vctimas da represión, acadando un fondo documental único no que se rexistran nomes, historias, imaxes, entrevistas e investigacións temáticas que botan luz sobre a memoria silenciada despois de 1936. Lourenzo Fernández Prieto presentoun o proxecto no congreso da Aula Castelao de Filosofía como unha liña aberta na que calquera pode consultar a historia dun parente represaliado ou mesmo reclamar a súa investigación, como levan facendo nos máis de seis anos nos que o equipo que dirixe configurou a listaxe máis completa de vítimas do 36.
Golpe de estado, non guerra
Os datos que viron a luz a través da investigación de Nomes e Voces conducen, segundo o director, a mudar os enfoques historiográficos. "Hai que mudar o marco historiográfico: só temos moitos datos sobre as vítimas, pero faltan explicacións, porque aínda se rexen polo marco franquista" afirmou ao tempo que defendeu a confirmación no caso galego da existencia dun "golpe de estado continuado, non de guerra civil". Segundo as análises desenvolvidas na investigación destes anos, Fernández Prieto interpreta que "había unha vontade e un plan de exterminio daqueles que estaban en condición de reter e recuperar o poder republicano".