Fermín Muguruza e a súa obra 'Black is Beltza II: Ainhoa' protagonizan o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, analizamos os efectos da nova Lei de liberdade sexual sobre a internet e as nenas aventureiras protagonistas de grandes obras literarias.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número de Sermos Galiza. O semanario protagonízao, desta volta, o incombustíbel artista vasco Fermín Muguruza, que vén de presentar Black is Beltza II: Ainhoa, unha obra de banda deseñada editada en euskera, catalán, español e galego e que estes días estivo presentando no país. Entrevístao Manuel Barreiro.

"Sempre fun un contador de historias e sempre tratei tamén de estar atento, de aprender, de ser unha esponxa do que pasaba o meu redor. Por exemplo, no caso dos videoclips, algúns utilizábanos como ferramenta comercial pero para nós era unha forma de contar cousas. Tamén tiñan ese aspecto lúdico da arte, claro; pasalo ben era unha reivindicación fronte a tanta miseria e tanta represión", sinala nesta conversa que se publica o sábado.

A internet e a liberdade sexual

A xornalista Gala Dacosta Diehl estréase no Sermos Galiza cunha reportaxe que leva por título Culpar o culpábel. A internet na nova Lei de liberdade sexual, que permitirá ampliar o campo de acción contra os delitos na esfera dixital.

Porén, matiza Dacosta, aínda é preciso realizar unha revisión constante e concienzuda das ameazas de ser unha muller nas redes para entender todas as dimensións da violencia machista en Internet. Nesta peza facemos un repaso do que suporá a aplicación desta lei na Galiza e dos seus precedentes nos últimos anos.

Nenas literarias aventureiras

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa Tensi Xesteira: Nenas literarias aventureiras, de Heide a Pippi Mediaslongas e Anne, a de Tellas Verdes. Neste texto analiza o incremento que se está a experimentar nos últimos tempos na tradución ao galego de obras de todas as linguas, algo que une ao auxe da crítica literaria feminista.

"Na Galiza, grazas a editoriais valentes e tradutoras teimudas, podemos gozar de tres das grandes obras protagonizadas por nenas aventureiras. Como son estas obras? Que supón a súa tradución tantos anos despois? Falamos con Raquel Senra, Patricia Buxán e David A. Álvarez, as persoas intermediarias entre as voces orixinais e a galega", explica Xesteira.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Iago Suárez, que trae as últimas novidades, a comezar por Bafi, do dúo Clo Plas, mentres Xurxo Souto asina o artigo titulado Sempre Pucho, unha lembranza do mítico Pucho Boedo.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Blonde, de Andrew Dominik, e Carlos L. Bernárdez ofrece na sección de Arte un artigo sobre os obxectos "cargados de sentido" do escultor Enrique Conde.

Noutra orde, Xabier Vázquez Pumariño fala da "progresión xeométrica" de Isabel II do Reino Unido, mentres, na sección de Libros, Tensi Xesteira fala de Algoritmos, de Xavier Queipo (Galaxia), e Manuel López Foxo afonda en Maruxa Mallo, da autoría de Carme Vidal (A Nosa Terra). Aliás, o colectivo Xea trasládanos á aldea de Queixeliña, en Chandrexa de Queixa.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!

Comentarios