Ferlinghetti, rebeldía e inocencia

Fundador da editorial e libraría City Lights coa que deu a coñecer a xeración beat, Lawrence Ferlinghetti é autor dunha obra extensa cunha personalidade propia: "Fun máis o último dos bohemios que o primeiro dos beat", declarou unha vez. Agora, a editorial Rodolfo e Priscila danos a oportunidade de lelo en galego. 
Lawrence Ferlinghetti. (Foto: Christopher Michel)
photo_camera Lawrence Ferlinghetti. (Foto: Christopher Michel)

“Podes imaxinar a Shelley asistindo a un obradoiro de poesía?” A irónica pregunta é de Lawrence Ferlinghetti, poeta, editor e gran valedor da xeración beat, para cuxos compoñentes a poesía era un exercicio moi afastado de calquera intento de institucionalización. A nova editorial Rodolfo e Priscila vén de estrearse cunha tradución deste gurú da contracultura norteamericana, A poesía como arte insurxente, unha sorte de manifesto literario e vital de quen sempre defendeu as marxes como o terreo máis propicio para a poesía. 

Ferlinghetti estaba presente na famosa lectura da Six Gallery, en San Francisco, en outubro de 1955, considerada a primeira manifestación pública de relevancia dos poetas beat -alí recitaron Gary Snyder, Philip Lamantia, Michael McClure, Philip Whalen, Kenneth Rexroth e Allen Ginsberg, este último lendo o seu célebre Ouveo- e relatada con detalle por Jack Kerouac na súa novela The Dharma Bums. 

Segundo se conta, Ferlinghetti envioulle un telegrama a Gingsberg ao día seguinte ofrecéndolle publicar Ouveo na editorial City Lights, que fundara dous anos antes. O libro foi editado e, en 1957, debido sobre todo á imaxinería homosexual que contiña o poema de Ginsberg, Ferlinghetti foi arrestado e acusado de publicar unha obra obscena. 

O xuízo foi longo e moi seguido polos medios. O resultado foi a absolución para o editor, o coñecemento universal da nova e irrespectuosa poesía americana e o nacemento da lenda Ferlinghetti.

A partir dese momento, aquel fillo de emigrantes italianos publicou varios dos libros máis importantes daquel grupo que se rebelou contra os valores estabelecidos da sociedade da altura a golpe de jazz, de experimentación coas drogas e o sexo e, sobre todo, de escrita libérrima.

Poesía beat na Galiza

O interese polos poetas beat parece rexurdir entre as xeracións máis novas da poesía galega, polo que este libro, traducido polo poeta e xornalista Daniel Salgado -tamén o tradutor de Ouveo, publicado por Positivas en 2007- podería marcar unha guía para estas novas fornadas de escritores.  

“Non estou seguro de que actualmente exista unha particular inclinación pola xeración beat  na Galiza”- di Salgado. “A min sempre me interesou moito, mais é certo que periodicamente volve á actualidade porque se trata de autores moi atractivos non só pola súa obra, senón tamén pola súas personalidades. Os beat tiveron unha influencia inmediata e moi evidente en Ferrín, en Bernardino Graña... nesa xeración. Agora véxoa máis a través da figura de Whitman, en Olga Novo, por exemplo".  

"En todo caso", continúa Salgado, "Ferlinghetti, malia ser unha figura fundamental dese movemento, sempre quedou un pouco á marxe dese interese, e a proba é que está moi pouco traducido ás linguas da nosa contorna máis inmediata”. 

O revolucionario inxenuo

En realidade, o propio Ferlinghetti -menos impetuoso que os seus compañeiros de xeración- tratou de desligarse, polo menos nos últimos anos, desa imaxe de poeta beat, alegando que a orixe da súa poesía estaba máis en T. S. Eliot que en calquera outro autor. Mais calquera que lea A poesía como arte insurxente recoñecerá inmediatamente a influencia de Walt Whitman: unha mestura de rebeldía e de inxenuidade que pode resultar chocante para os ollos europeos. 

“El é un fillo de Whitman, sen dúbida, como dalgunha maneira tamén o era Ginsberg”, opina Salgado. “Esa inxenuidade un tanto naif, que procede dun país que apenas ten historia, nótase moito neste libro. Mais el mesmo defende esa inocencia como condición para escribir o poema, defende a necesidade de manter unha mirada inxenua para acercarse á realidade desde a poesía. A min iso paréceme moi interesante”. 

En todo caso, unha inocencia paradoxal nun poeta que se diferenciou do resto da súa xeración por manter un compromiso político pouco habitual naquel grupo: declaradamente anticapitalista, Ferlinghetti defendía posturas anarquistas moi elaboradas. “Si, el sempre foi o máis politizado de todos eles. Estivo no maio do 68 en París, estivo coa revolución sandinista...”, lembra Salgado. “Non tivo esa deriva un pouco hippy e misticista que tiveron outros. Era un anarquista político, ademais de existencial". 

A poesía como arte insurxente deixa varias mostras dese compromiso político en moitos dos seus aforismos: "Desafía o capitalismo que se enmascara na democracia", por exemplo. Esa postura decididamente revolucionaria é o que inclina a Salgado a pensar que a inxenuidade whitmaniana "é máis ben unha aposta, unha actitude ante o poema. Non creo para nada que el fose inocente". 

Unha nova editorial que se estrea publicando un editor

O poeta Daniel Salgado, tradutor do texto, xa publicara algúns fragmentos do libro de Ferlinghetti en A trabe de ouro e na revista Animal, editada por Edicións Positivas. Mais só é agora, grazas á nova editorial Rodolfo e Priscila, que a obra ve a luz integramente en galego.

Comentarios