Inma López Silva, escritora

“O feminismo é un movemento atractivo porque demostra que o debate non ten por que ser excluínte”

Ademais de novela, Inma López Silva (Compostela, 1978) practica unha sorte particular de ensaio: a medio camiño entre a análise crítica, a literatura memorialística e o texto de intervención. Chámame señora, pero trátame coma a un señor (Galaxia, 2019), a súa última obra, subtítulase Memoria persoal do machismo na cultura. “As escritoras podemos escribir un relato distinto. Debemos facelo”, afirma, “porque a literatura pode ofrecer alternativas a esta realidade que parece natural e inamovíbel, pero pode cambiar”. Eis un extracto da conversa publicada no número 334 de Sermos Galiza.

foto_6
photo_camera [Imaxe: Judit Cendón] Inma López Silva

2Que ten de singular o machismo no campo cultural?

É singular na medida en que se trata dun espazo do que a priori non adoitamos agardar machismo. Porque é un ámbito que consideramos politicamente correcto, en que todos somos sensíbeis e progresistas. Presuponse unha tendencia á comprensión da igualdade. Pero non é así e ten lóxica que non sexa así. Porque o patriarcado é unha estrutura que abrangue todo, e o mundo da cultura é mundo. Iso conta o libro: aínda que non esteamos dispostas a crer a priori que moitos dos comportamentos son machistas, ou que tentemos xustificalos desde outros puntos de vista, son comportamentos machistas exactamente igual en calquera outro ámbito de relación humana.

Cuestiona, dalgún xeito, ese illamento respecto do social en que a miúdo se entende que vive a cultura.

Claro. Aínda non hai moito que estaba nun acto cultural e un alcalde dicíame: “Uf, non sabes o machismo que hai fóra. Na cultura non hai machismo”. Non, mira, na cultura hai exactamente o mesmo machismo que noutros sitios. Para desmontar un pouco esa idea, tirei de anecdotario. Os exemplos falan por si sós. Quen os pode contar? Pois unha escritora en primeira persoa. Levo toda a vida nisto e podo dar fe. E iso que non son desafortunada: tiven un certo éxito e non vivín unha situación de agresividade extrema, casos de acoso e cousas que, evidentemente, tamén hai.

Percibe mudanzas nos últimos tempos, cando o feminismo parece que si avanzou socialmente?

Na cultura, como en moitos ámbitos, no último ano –o 8M de 2018 foi un punto de inflexión– hai unha maior conciencia de que moitas actitudes que parecían normais ou que tiñamos naturalizadas non o son tanto. Percibo por unha banda maior sensibilidade para poñer en dúbida esas actitudes por parte de moitos homes, e por outra banda tamén vexo unha reacción. De súpeto hai a sensación de que as feministas como que nos pasamos e vemos machismo en todas partes. Hai as dúas vertentes e as dúas son boas, porque poñen o debate enriba da mesa e amosan que nós non imos calar e esta revolución está en marcha.

Chámame señora... amosa confianza na capacidade da literatura e da escritura para modificar a realidade. Esta opinión non é a máis usual.

Sempre crin niso, se non, non escribiría. Creo firmemente na capacidade transformadora da literatura. Na posibilidade de construír mundos alternativos. As escritoras temos unha responsabilidade: amosar a través dos mundos alternativos que creamos que hai outra realidade posíbel. Que podemos pensar desde outro punto de vista. Á parte de liberador e catártico, é didáctico. Somos nós as que podemos rachar cos estereotipos e co prestabelecido. Agora está moi de moda pola serie, pero se Margaret Atwood non escribise O conto da criada -por certo, é un texto dos anos 80, que escribiu desde un punto de vista moi diferente do de agora, contra a Administración Reagan e o puritanismo-, se ela non o escribise, probabelmente moita xente non se daría de conta do extremo onde levan determinadas actitudes. E iso só se pode facer imaxinando esa posibilidade. As escritoras podemos facelo e eu considero que debemos facelo.

 [Podes ler a entrevista íntegra no número 334 de Sermos Galiza. Á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios