Femen no Congreso, as Guerrilla Girls no Museo

“Teñen que estar núas as mulleres para entrar no Museo Metropolitano de Nova Iorque?” preguntábanse as Guerrilla Girls no seu famoso cartel de 1989. O centro AlhóndigaBilbao ten aberta até o 6 de xaneiro de 2014 unha extensa exposición que mostra o traballo do colectivo artístico americano coa practica totalidade dos seus carteis e proxectos.

Guerrilla Girls
photo_camera Guerrilla Girls

“Teñen que estar núas as mulleres para entrar no Museo Metropolitano de Nova Iorque? Menos do 5 por cento  de artistas que expoñen na sección de arte moderna son mulleres, mais do 85 por cento dos espidos son femininos”. A lenda pódese ler no cartel de 1989 das Guerrilla Grils, tal vez a peza máis coñecida da súa traxectoria e unha referencia para estudos e teorías feministas na arte. A exposición Guerrilla Girls 1985-2013 que vén de abrir o centro AlhóndigaBilbao mostra a practica totalidade de cartaces e proxectos do colectivo feminista, por orde cronolóxica, para dar conta da historia e dos procesos de produción do grupo. Documentación de accións, camisetas, publicacións e todos os cartaces compoñen a mostra documental que se completa co audiovisual de Amy Harrison sobre o colectivo que ten na arte e o activismo feminista os seus sinais de identidade. 

"Con máscaras de gorila, o símbolo que identificaba o seu anonimato, os seus nomes nunca se deron a coñecer"

En colectivo, sen nome propio e cun discurso feminista para a arte. Así naceron en Nova Iorque as Guerrilla Girls, o grupo de mulleres que en 1984 tiraron das tácticas da guerrilla urbana para denunciar o sexismo e a discriminación no mundo da arte. As mulleres non entraban nos museos, ou cando menos, non entraban como protagonistas de exposicións na medida en que o facían os homes. A distancia era a abismal e a explicación só podía responder ao machismo do entramado da arte contemporánea. Se as mulleres eran negras, as portas ficaban aínda máis pechadas. 

Con máscaras de gorila, o símbolo que identificaba o seu anonimato, os seus nomes nunca se deron a coñecer mais, existir, existiron desde aqueles mediados dos oitenta nos que, cos soportes da cultura popular desenvolveron unha a

cción guerrilleira en clave feminista que pegou tamén noutros ámbitos como Francia ou Inglaterra. Introduciron unha nova análise feminista no masculino mundo da arte, ámbito no que o artista xenial era un home con exposicións antolóxicas en relevantes museos que poucas veces abrían as súas portas á obra feita por mulleres. As artistas da Guerrilla Girls actúan baixo máscaras con nomes de mulleres xa mortas, en especial, do mundo da arte, tamén para reivindicar os seus nomes nunha sociedade que tende a esquecer o seu paso polo mundo. 

O humor mesturado coa reivindicación, a modernidade cun discurso filosófico e político, a rebeldía xunto coas iconas ás que Hollywood non lle viraba a cara configuraron unha maneira na que a imaxe, o grafismo, a mensaxe daba lugar a produtos con marca propia, co feminismo irreverente que se tornaba arte de guerrilla, arte que, co tempo ía entrar no Museo, naqueles nos que elas reclamaban espazo. 

Ás Guerrilla Girls non lle faltaron críticas que se centraron nos obxectivos do colectivo e no fácil que se asimilaba o seu discurso no ámbito dos centros de cultura contemporánea, os mesmos aos que, en principio, se dirixía a súa acción. Tamén se lle acusou de se dirixir só ao mercado, e non fitar atención na discriminación das mulleres na arte, variada, con múltiples modalidades, mesmo con persecución social e política e mesmo dramática en determinados lugares do mundo que saían fora da mirada das Guerrilla Grils. 

"Humor mesturado coa reivindicación, a modernidade cun discurso filosófico e político, a rebeldía xunto coas iconas ás que Hollywood non lle viraba a cara"

Definíanse como “a conciencia do mundo da arte” e déronlle un xiro ao desenvolvemento do feminismo no mundo da creacióon contemporánea, denunciando o sexismo desde a súa produción e deixando á vista a discriminación das mulleres no mundo da arte.  As condicións materiais da produción da arte son as que explican o funcionamento sexista deste produto social e histórico e, contra esta situación se revolven as Guerrilla Girls que visitan nas súas propostas creadoras técnicas como o deseño gráfico, máis propio da publicidade, que acaían ben aos seus esforzos propagandísticos. Devén así o protagonismo do cartel nas súas actuacións, soporte visitado polas feministas dos sesenta e setenta e por todo un movemento que ten na difusión das súas ideas o seu principal obxectivo. 

“Até que o feminismo non alcanzara os seus obxectivos non haberá postfeminismo” líase noutro cartas das Guerrilla Girls, presente tamén na antolóxica exposición de Bilbao na que as mulleres entran sen estar núas. 

Comentarios