'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Felipe Arias: “Non é bo simplificar o debate dicindo que os castrexos ou eran guerreiros ou eran agricultores”

Felipe Arias Vilas, membro fundador do Museo do Pobo Galego e ex director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, redacta o fascículo sobre o Castro de Viladonga, Castro de Rei, que se publica esta cuarta feira no marco do coleccionábel “Confín dos verdes castros e valeroso clan!”.

Felipe Arias Varela
photo_camera Felipe Arias

No artigo sobre o Castro de Viladonga indica que aínda hai moitas liñas abertas de investigación que hai que desenvolver. Que cre que é máis necesario confirmar -ou desmentir- das teorías que baralla para ter unha mellor información do conxunto arqueolóxico?

Como en todo xacemento arqueolóxico, os datos e as informacións poden ir aumentando e sucedéndose continuamente, ó igual que pode ir mudando a súa valoración e interpretación. Non é tanto por “confirmar ou desmentir” senón que, como indicaban os vellos mestres da arqueoloxía, o fundamental é ir delimitando os problemas ou as incógnitas que aínda subsisten en cada sitio para podelas ir resolvendo con máis e mellores medios e investigacións. Semella certo aquel axioma que di que cantas máis cousas sabemos máis nos damos conta das que aínda ignoramos..., e o castro de Viladonga non é unha excepción.  Poñamos como exemplo, neste caso, o definir mellor a importancia e o alcance (no espazo e no tempo) dos niveis de ocupación prerromana, ou a localización e estudo dunha posíbel necrópole ou a relación, directa ou indirecta, co seu territorio circundante.

Tense debatido moito sobre as estruturas defensivas -foxos, murallas, parapetos etc- dos castros en relación á suposta conflitividade entre os habitantes de distintos castros. Cal é a súa opinión ao respecto á luz da evidencias arqueolóxicas? Eran os seus habitante guerreiros ou era unha forma de protección e seguridade que non ten que ter conexión con conflitos entre poboados?

Trátase, en efecto, dunha das polémicas ou debates das últimas décadas, e está claro que un sistema de fortificacións, unhas murallas, son, de seu, unhas estruturas de función defensiva, mais non só para defenderse duns posíbeis atacantes, sexan veciños ou foráneos, senón tamén como protección dos animais “salvaxes”, ou dos ventos...

E por outro lado, esta función é compatíbel co carácter simbólico e de prestixio que ten toda muralla, practicamente até o século XVIII ou case o XIX, e que é un elemento que dá cohesión á comunidade que alberga, marca e define o territorio cara a fóra e cara a dentro, etc.

E a maiores, en cada caso, haberá que ter en conta o seu encadre cronolóxico e, por tanto, a súa contextualización histórica, o seu uso continuado ou interrompido, as súas modificacións, etc.  De igual xeito, non é bo simplificar o debate dicindo que os castrexos ou eran guerreiros ou eran agricultores e gandeiros (ou pastores, ou comerciantes, ou metalúrxicos...), pois todo pode ser compatíbel. O que é certo é que os achados de útiles e ferramentas son moito máis abundantes e diversificados que os de armas ofensivas ou defensivas, e iso parece querer indicarnos algo, pero insisto que non é aconsellábel simplificar en exceso. 

Os Museos de sitio son necesarios para valorizar os achádegos e informar ás persoas que os visitan. É posíbel -e/ou desexábel- estender este modelo a outros castros de importancia na Galiza? Como se debe articular unha boa rede de museos en relación á cultura castrexa?

É  obvio que, polo menos nesta altura e aínda que fora desexábel, é imposíbel ter e manter un centro museístico en cada xacemento escavado, sexa un castro ou calquera outro tipo de xacemento con estruturas visíbeis e “visitábeis”. O ideal sería que nese tipo de sitios houbese, cando menos, un centro informativo (e de protección!) e que os achados se contextualizasen ao pé ou preto do propio xacemento, pero actualmente ese modelo aínda parece estar lonxe.

Con todo, vai habendo cada vez máis “museos de sitio”, e Viladonga foi pioneiro no seu día e foi e é unha referencia non só en Galiza senón tamén a nivel peninsular, pero desde hai anos tamén se espallou a figura dos chamados “centros de interpretación” ou “aulas de recepción de visitantes”, que se diferencian dos museos (entre moitas outras cousas como pode ser o persoal necesario para cumprir as súas funcións), en que estes centros “interpretativos” (e os museos tamén o son...), non precisan ou non adoitan ter e expoñer fisicamente os materiais achados en cada sitio como fai un museo propiamente dito.

A recente lei 7/2021 de museos e outros centros museísticos de Galiza parece querer ir nesa liña, mais está por ver como se desenvolve e, asemade, como se fai cumprir... 

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios