Feixoo obvia a represión fascista na recepción da 'Derradeira leición do mestre'

Para o presidente da Xunta é posíbel falar da Derradeira leición do mestre sen mencionar a represión fascista, os asasinatos do bando de Franco ou os fusilamentos. Demostrouno esta cuarta feira nas palabras que pronunciou após o acto solemne de desembalaxe do emblemático cadro de Castelao na Cidade da Cultura.
 

Descubrimiento de la obra de Alfonso Daniel Rodriguez Castelao, "A derradeira leicion do mestre" en Galicia, tras su traslado a desde Buenos Aires
03/10/18
photo_camera Feixoo fala despois da desembalaxe da 'Derradeira leición do mestre' na Cidade da Cultura. Foto: Cidade da Cultura.

Alberto Núñez Feixoo referiuse á obra que centrará a exposición Castelao Maxistral como unha “defensa da educación fronte o fanatismo que lembra que a educación en liberdade é o medio para a promoción dos valores democráticos”. Tamén lembrou a loita do seu autor “contra a inxustiza” e engadiu que a pintura “recorda o que xamais debe volver pasar”. "Somos a Galiza que soñaba Castelao", chegou a afirmar.

A derradeira leición..., que a partir deste 5 de outubro poderá verse en Galiza por primeira vez, é a reprodución ampliada ao óleo da sexta lámina do álbum de guerra Galicia Mártir. O rostro do mestre asasinado é o de Alexandre Bóveda, fusilado polos franquistas o 17 de agosto do 36. Castelao pintouno en 1945, cando levaba máis de seis anos exiliado.

A oposición, cuxos tres líderes tamén asistiron ao acto, reaccionou no lugar. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu que a difusión do traballo de Castelao se faga “sen descafeinar e sen censuras”. Para a nacionalista, que se declarou “emocionada”, o cadro debe quedar en Galiza. “É importante que os galegos e as galegas coñezan a verdade e que non vivamos novos episodios de manipulación”, engadiu, e sinalouno como “unha razón máis para recoñecer este nacionalista que entregou a súa vida a defender que Galiza é unha nación con dereito a autogobernarse”.

Tamén Luís Villares, portavoz de En Marea, amosou a súa indignación polo que a súa organización entendeu como “mentiras” de Feixoo. Visibelmente molesto, afeoulle ao presidente da Xunta que se “apropiase” do cadro e da figura de Castelao. “Queremos que a estadía da obra en Galiza sirva para devolver a memoria e a dignidade da represión franquista”, dixo, acompañado da deputada de En Marea Ánxeles Cuña, neta de Alexandre Bóveda.

“A idea de que na presentación dunha obra na que hai un mestre asasinado non se expliquen os motivos desa imaxe significa que quere darse outra explicación a ese feito, que non se quere recoñcer a realidade das vítimas do franquismo”, concluíu. O portavoz parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, limitouse a esixir “unha maior compromiso futuro da Xunta coa recuperación da memoria histórica e coa eliminación da simboloxía franquista”.

Comentarios