Contracultura

Adra Pallón: "O feito de facer as fotos lévame o 5% do meu tempo, pois o resto destínoo a documentarme"

Adra Pallón, fotógrafo documentalista, vén de recibir o Premio Galicia en Foco pola súa serie Cinza e lume. Pallón relata nesta entrevista a problemática dos lumes en relación co despoboamento. Advirte de que “hai toda unha base sociolóxica que tampouco podemos esquecer”.
O fotógrafo Adra Pallón. (Foto: Belén Cordero)
photo_camera O fotógrafo Adra Pallón. (Foto: Belén Cordero)

—Como xurdiu Cinza e lume?
É unha serie enmarcada dentro dun proxecto moito máis amplo no que levo traballando desde 2018 e que se chama Demotanasia. Actualmente, estou a rematalo e nel trato o despoboamento no sentido máis amplo do termo, polo que toco varios puntos. Hai un investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Serafín González Prieto, que di que os sistemas se están degradando pola súa base. Son fotografías que están pensadas para unha narrativa visual moi concreta que reforza un relato moito máis amplo, non están pensadas para poñelas na prensa ao día seguinte porque eu sobre todo intento facer proxectos moi longos que me levan de catro a cinco anos. Claro, isto fai que o traballo sexa moi precario e que teñan que ser proxectos financiados a través de concursos, bolsas e docencia. 

—Como é o proceso de desenvolver un proxecto tan longo?
O feito de facer as fotografías implica o 5% do meu tempo porque o resto destínoo a falar con persoal investigador e a documentarme. Neste caso había que facer unha análise histórica, o que permite chegar a conclusións rapidamente. Por exemplo, algunha das veces que me perdo por territorios e me atopo con persoas maiores falo con elas e o primeiro que din é que todo ese terreo que agora é monte antes non o era. Inxenuamente eu tamén pensaba que si, mais historicamente vemos como se foi impoñendo o monocultivo de piñeiros co obxectivo de protexer as obras hidráulicas. E isto ocorreu en moitas partes do Estado, mais na Galiza quizais foi máis acusado e, por desgraza, ten un paralelismo coa cuestión actual dos eólicos, porque parece que somos como unha colonia á que vir a coller os recursos. 

Desde esta perspectiva, entendendo que xa pasaba durante o franquismo, vemos como hai aldeas que quedaron completamente despoboadas porque as persoas foron expulsadas do territorio a causa destes monocultivos. Lembro estar en Santa Eufemia cando houbo estes incendios tan grandes na zona do Courel e ver un lume tan virulento que xa estaba deixando as cámaras para ir axudar e que paraba ao chegar as árbores autóctonas que arrodeaban a aldea. 

—Hai unha explicación máis complexa que vai máis aló do cambio climático.
Claro, evidentemente non podemos obvialo, mais hai toda unha base sociolóxica que tampouco podemos esquecer. O cambio climático está aí, e vímolo claramente o pasado verán, que foi tan seco que fixo que no Courel e na zona de Valdeorras se deran os incendios máis grandes da súa historia. Eran incendios denominados de sexta xeración, porque son practicamente inextinguíbeis; eu mesmo estaba ao carón da brigada e comentábanme que non había forma de atallalo pola agresividade das lapas. Con todo, antes do despoboamento o terreo estaba máis limpo, existían terras de cultivos que facían que o lume frease ao chegar a elas. Hoxe en día, hai unha ordenación territorial moi diferente, mais é unha perspectiva que mesmo é ignorada en determinados círculos académicos. 

—Onde está a liña entre fotografar estes momentos tan duros e deixar a cámara a un lado?
Eu sempre digo que a fotografía non vale para nada, só para focalizar e chamar a atención, mais sempre precisas apoiala cun texto ou un relato, e máis nestes momentos nos que todo é tan visual. Para poder facer isto hai que estar ao carón das brigadas, da xente das aldeas e a nivel ético chegar a situacións moi complicadas. Con todo, para min, cando chega o lume as fotografías son o de menos. En proxectos tan longos como os que fago eu, se non é nun momento será noutro. O importante é sobre todo integrarse dentro das comunidades. No Courel sinto que dalgunha maneira pertenzo aí, porque teño moi percorridas as montañas, coñezo moitas das persoas que viven en cada aldea...

Comentarios