Cultura

A Feira do Libro encherá Vigo de literatura a partir do 25 de xuño

Será a segunda cita logo de Santiago de Compostela
1275646207476queizan_maria_xose_2006
photo_camera María Xosé Queizán, pregoeira (AELG).

Logo de desenvolver a primeira Feira do Libro do Estado en Santiago de Compostela, a Federación de Librarías da Galiza presentou onte o programa da seguinte cita, que terá lugar en Vigo desde esta quinta feira, 25 de xuño, até o sábado 4 de xullo. O evento segue o mesmo lema que a edición compostelá: "non contaxian pero enganchan". Con este slogan a agrupación profesional quere chamar a atención sobre a importancia da literatura nestes tempos de pandemia, facendo ao tempo unha chamada á seguridade con coidados protocolos adaptados ao espazo e que garantan a interacción co libro.

Participan na feira os postos das librarías Cortizas, Nobel Gran Vía, Pedreira, Hobbit, A Gata Tola, Librouro, así como o Centro de Documentación Feminista de Vigo e a Biblioteca Neira Vilas. Os libros á venda gozarán de 10% de desconto. O horario será de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

Abrirá o programa o pregón, a cargo da escritora María Xosé Queizán no medio día da quinta feira, quen asinara posteriormente exemplares de Vivir a galope (Xerais) e La semejanza (Tulipa). Ao longo de semana e media pasarán pola rúa do Príncipe múltiples autoras e autores das nosas letras para interaccionar co público arredor das súas publicacións máis recentes.

Así, por exemplo, a reflexión sobre a memoria a través da narrativa conquistará a feira con autoras como Elba Pedrosa, con O que non sabías (Xerais); Francisco Castro, con Tantos anos de Silencio; Inma López Silva, con O libro da filla (Galaxia); ou a reflexión a medio camiño entre ficción e realidade histórica que de Emma Pedreira en As fauces feroces (Baía).

A poesía dará especial peso a voces novas, como a Lara do Ar de Órbita (Xerais) ou a Vanessa Glemsel de Sutura (Urutau). O ensaio terá tamén un oco da man, entre outras, de Aurora Marco, que presenta por partida dobre As Irmandiñas e Foula e ronsel (Laiovento); as investigacións de Manuel Monge en Os restos do franquismo en Galiza (Laiovento); ou, xa máis desde a divulgación, Manuel Veiga e a súa Galicia contada aos non galeguistas (Xerais).

Xéneros xeralmente menos atendidos como a banda deseñada estarán igualmente representados cos traballos de Kiko Dasilva en Aprende banda deseñada con Fiz ou Anémona de Río, coa obra gañadora do premio Garaxe Hermértico, A proba de auga, ambas de Xerais.

O homenaxeado nas Letras Galegas 2020 fará acto de presenza a través de varias publicacións, como De Carballo Calero a Carvalho Calero (Hércules), de Belén Rodríguez, ou Ricardo Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético (Xerais).

Comentarios