Feira de Arte con viño de fondo no "Vide, Vide"

Arte orixinal con viños de autor. Así é a nova proposta de Vide, Vide, o novo espazo enocultural de Compostela que abre este sábado 3 de agosto a súa primeira Feira de Arte. O Grupo de Música Antiga 1500 actuará na inauguración. 

Cartaz da Feira de Arte
photo_camera Cartaz da Feira de Arte

O sábado día 3 de agosto, o espazo enocultural Vide Vide abrirá nas súas instalacións de Compostela a súa primeira Feira de Arte que ten como fin promocionar o coleccionismo de obras de pequeno formato. 

A feira estará aberta até o 30 de agosto e, neste tempo, obras de pequeno formato de 22 artistas estarán á venda nesta iniciativa promovida por Vide, Vide xunto co Colectivo Minimaarte. Trátase de obras de arte orixinais a prezos asequíbeis e que responde a todos os gustos, desde amantes da figuración até quen ten querencia pola abstracción, con técnicas variadas como gravado, óleo, fotografía ou dixital. 

Trátase esta dunha nova idea de promoción cultural do novo espazo aberto recentemente en Compostela e que, na aínda corta vida, programou xa presentacións de libros, catas de viños ou cursos de enoloxía. O Vide, Vide apreséntase como “tenda de viños de autor”, con presenza das cinco denominación de orixe e das tres indicacións xeográficas galegas. Para consumo propio ou agasallo, o establecemento ofrece alén dos viños outros produtos do país e, agora, obras de arte a prezos asequíbeis. 

Na inauguración, que terá lugar o sábado ás 21.30 no establecemento da rúa fonte de Santo Antonio en Compostela, a só uns pasos da Praza de Galiza, actuará o Grupo de Música Antiga 1500 e, como non, poderase catar un viño galego.  O Grupo de Música Antiga 1500 está integrado por María Giménez (canto e percusión), Belén Bermejo (canto), Víctor Blanco (guitarra renacentista) e Andrés Díaz (vihuela) e ofrecerá neste concerto no Vide, Vide pezas do cancioneiro de Elvas e outras músicas renacentistas.

Comentarios