Feijóo anuncia a privatización da CdC e unha concesión ilegal sen concurso previo

A Cidade da Cultura, a nova catedral que ideou Manuel Fraga, quedará sen rematar. O presidente da Xunta Feijóo anunciou a paralización definitiva de dous dos edificios mais eludiu concretar os termos do acordo coas construtoras. Abriu as portas a unha privatización que pode ser ilegal.

Cidade da cultura
photo_camera Cidade da cultura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vén de anunciar a paralización definitiva de dous dos edificios da Cidade da Cultura, un ano despois de que prosperara a moción presentada polo BNG e aprobada no Parlamento cos votos do PP -que até entón negara a posibilidade- e AGE. Feijóo confirma que dous dos edificios non serán construídos con cartos públicos mais garda os termos das negociacións coas construtoras, empresas que impuxeran condicións leoninas ao goberno bipartito cando en 2005 acordara unha paralización parcial das obras do complexo. En plena crise, cos sectores cultural e da construción en mínimos históricos, a posibilidade de que a Xunta conseguira o acordo de paralización definitiva sen contraprestacións resulta inverosímil e dificilmente aceptábel polos propios Consellos de Administración de Copasa, Acciona Infraestruturas e OHL, adxudicatarias dos contratos de construción do Centro Internacional do Gaiás e o Teatro da Música, edificios que, previsibelmente, nunca se erguerán no monte Gaiás.

"A posibilidade de que a Xunta conseguira o acordo de paralización definitiva sen contraprestacións resulta inverosímil e dificilmente aceptábel polos propios Consellos de Administración de Copasa, Acciona Infraestruturas e OHL"

Para xustificar o beneplácito das empresas á paralizar a construción dos macroedificios pendentes, Feijóo anuncia o ofrecemento ás construtoras da posibilidade dunha concesión por 35 anos do solo que terían que edificar con cartos privados. O anuncio do presidente supón a cesión de dous solares de titularidade pública afectados ao uso cultural, é dicir, que non se poden dedicar a uso comercial. Alén diso, a lei obriga a convocar un novo concurso para a adxudicación de novos edificios en solo público. Coa suspensión definitiva estaríase a liquidar un contrato mais non se pode facer unha nova concesión sen que medie un novo concurso para a súa adxudicación.

Inverosímil é tamén que o PP teña conseguido a suspensión definitiva a custe cero, coñecidas as condicións que as empresas puxeron sobre a mesa para a suspensión temporal en 2005. A contraprestación que Feijóo pon sobre a mesa dificilmente pode convencer ás adxudicatarias nun momento no que o descenso do consumo cultural, agravado polo 21% do IVE, poda 

interesar empresarialmente a ningunha das construtoras en xogo. A lei dálles ademais dereitos ás empresas contratistas dos que, na súa lóxica, só prescindirían cunha contraprestación beneficiosa.

Privatización de solo público

Núñez Feijóo apostaría, en todo caso, por unha privatización de espazo público que, malia ser de difícil realización, iría en contra dos estatutos da propia Fundación Gaiás e 

á propia orixe da obra, construída en terreos de propiedade pública, adquiridos pola Xunta mediante un convenio con Caixa Galicia que cedeu os terreos para o seu uso cultural. Ofrécelle ás empresas contratistas un prazo até o 31 de decembro para obrar con cartos públicos cunha concesión de 35 anos, abrindo logo a posibilidade de que, de non aceptaren as condicións, outras empresas privadas se fagan co solo de titularidade pública, hoxe ocupado por grandes socavóns no medio do monte Gaiás, un complexo que demostrou en todos estes anos a súa falta de viabilidade económica e social.

A indicación de que calquera nova edificación ten que estar acorde co plano deseñado por Eismann complica aínda máis calquera posibilidade de solución, coas contas sobre a mesa que falan dun incremento de case o triplo só no construído dos arredor de cen millóns presupostados para o conxunto en 1999.

 "A lei obrigaría a convocar un novo concurso para a adxudicación de novos edificios en solo público".

A Cidade da Cultura ideouse, á escolla de Manuel Fraga, como a catedral contemporánea para Compostela, reproducindo no monte Gaiás unha grande concha de vieira que por dentro evocara os elementos da cidade medieval. Sen contidos precisados, sen programa de actuación para os edificios, o único valor que se lle auguraba era o da arquitectura deseñada por Peter Eismann, gañador do concurso internacional. Os edificios tiñan unha sorte de continuidade que construían unha forma única, unha paisaxe de sinuosas curvas en materiais pétreos ideada sen reparar en custes. Incógnita é a resolución do contrato coa empresa de Peter Eismann, o arquitecto que deseñou e contratou o proxecto na súa totalidade e que se negaba a calquera modificación do plano inicial da obra.  

Comentarios