mércores 19/05/21

A Federación de Librarías publica o calendario das feiras do libro

A Federación de Librarías da Galiza vén de facer público nas súas redes o calendario de feiras do libro, que decorrerán desde o vindeiro 23 de abril até o 28 de agosto.
2020060114465168676
'Stand' na feira de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A Federación de Librarías da Galiza vén de facer público, a través das súas redes sociais, o calendario de feiras do libro, que decorrerán desde o vindeiro 23 de abril até o 28 de agosto nas vilas e cidades do país, nun contexto de restricións sanitarias que colle o relevo dun 2020 con poucas feiras ou eventos de carácter virtual. 

A primeira das citas, e a única que ten lugar no mes de abril, será en Ferrol, o Día do Libro, na praza da Constitución, e decorrerá até o 25 de abril. 

Xa en maio, é a quenda para Compostela, que acolle na Alameda a súa feira, desde o 8 de maio até o 17, Día das Letras Galegas. O seguinte evento da Federación de Librarías para maio é no Porriño, desde o 27 até o 30 de maio, na rúa peonil Ramón González.

En xuño sacan os libros á rúa Ourense e Redondela. Na rúa do Paseo das Burgas decorre a feira do 2 ao 5 de xuño e Redondela faino do 17 ao 20 de xuño, na alameda. E desde alí chégalle a quenda a Vigo e ao mes de xullo.

A feira da cidade Olívica realízase desde o día 1 até o 10 na rúa do Príncipe. Deseguido, os libros e os eventos encherán a praza Maior de Ponteareas, entre o 15 e o 18 de xullo. E o punto final do mes vaino pór a  Feira do Libro de Rianxo, que se desenvolverá entre os días 22 e 25 de xullo, Día da Patria.

O mes de agosto é o que este ano vén máis cargado de citas para a federación de libreiros, en total catro. A primeira delas nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, entre o 1 e 10 de agosto. Recolle o testemuño o concello de Viveiro, que leva a cabo a súa tradicional feira literaria tamén nuns xardíns, desta volta os de Noriega Varela, entre os días 13 e 16. 

A terceira cita libreira de agosto é en Foz, do 19 ao 22, na praza Conde do Fontao. A despedida das feiras do libro chega entre o 25 e o 28 de agosto en Monforte de Lemos, na rúa do Cardeal.

comentarios