Federación Galiza Cultura pide que o Pergameo Vindel fique en Galiza

Defenden que “ o tesouro da literatura e da música medieval galega", propiedade desde hai catro décadas da Morgan Library,  permaneza “no país e na cultura que o orixinaron”. 

Imaxe do Pergameo Vindel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera pergameo-vindel

O Pergameo Vindel está exposto no Museo do Mar de Vigo durante un prazo de 20 semanas. Á cidade olívica chegou procedente de Nova Iorque, da Biblioteca Museo Morgan. A onde retornará, pois é propiedade desde hai 40 anos, da Morgan Library, entidade que o cedeu para a exposición en Galiza por un tempo limitado.

Para a Federación Galiza Cultura, este “tesouro da literatura e da música medieval galega” debería ter a súa residencia permanente “no país e na cultura que orixinaron”.

Para alén da súa beleza e calidade intrínsecas, indica a Federación, as cantigas de Martin Codax “fálannos aos galegos de hoxe con moita máis elocuencia da aparente. Falan dunha lingua milenaria, que foi pioneira no cultivo literario de alto valor entre todas as europeas; fálannos dunha historia de noso, de que nos queda aínda tanto por coñecer e por valorar; fálannos, en fin, dunha necesidade: a de reapropriarmos o que nos pertence, isto é, o noso pasado, o que explica e axuda a entender o noso presente”.

Por iso, Galiza Cultura solicita ás administracións públicas atinxidas directamente  -Xunta, Concello de Vigo, Universidade de Vigo-  ben como a outras institucións públicas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e as Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, a súa intervención positiva para trataren de xestionar que o Pergameo Vindel fique en Galiza.

“Co “non” xa se conta e o “si”, debidamente explicado e documentado, está sobrado de razóns. O silencio e/ou a pasividade nada resolven. A cultura da efeméride, tampouco. Instamos, por tanto, ás institucións mencionadas, a se interesaren pola cesión ou doazón desta peza monumental da nosa arte-literatura, testemuño espléndido da antigüidade da nosa historia como pobo cunha lingua e unha cultura específicas”.

A Federación Galiza Cultura está integrada por una ducia de asociación de diferentes partes do país, que apostan en “un punto de encontrado asociacionismo cultural galego”.

Comentarios