A Federación de Cineclubes de Galiza, premio Sellier da Academia do Audiovisual

Dezanove cineclubes artellan en Galiza un circuíto paralelo, alternativo, á exhibición cinematográfica comercial. Agrúpanse na Federación de Cineclubes de Galiza, entidade fundada en 1984 e que a Academia Galega do Audiovisual vén de distinguir co premio especial José Sellier.
 

manuel precedo federación cineclubes
photo_camera O presidente da Federación de Cineclubes de Galiza, Manuel Precedo. Foto: Academia Galega do Audiovisual.

“Os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”, sinala a academia, “neles, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadoras receptivas e críticas co cinema”. O galardón José Sellier recoñece cada ano “iniciativas salientábeis do sector” e entregouse na gala de finalistas dos Premios Mestre Mateo a pasada sexta feira.

A histórica Federación de Cineclubes de Galiza ten a súa orixe remota en varias tentativas dos setenta, mais non foi até o 84 que cristalizou. “Somos unha asociación cultural independente e sen ánimo de lucro que agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país”, autodefínese.

Ademais de xerar dinámicas de traballo en común entre os diversos cineclubes -algúns tan veteranos como o Padre Feijoo de Ourense ou o Valle-Inclán de Lugo-, a federación contribúe ao relacionamento das asociadas coas administracións, promove programacións conxuntas ou organiza encontros e debates.

O actual presidente da entidade, Manuel Precedo, recibiu a distinción a pasada sexta feira no Palexco da Coruña, nun acto que serviu de limiar á XVII edición dos premios Mestre Mateo do Audiovisual, que será o sábado 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña.

Comentarios