sábado 06/03/21

Fechan cun valado o dolmen da Casa dos Mouros de Candeán

Este resto patrimonial situado en Vigo apareceu sen acceso por elementos de obra e un cartel que indica perigo de desprendemento. No entanto, piden máis explicacións do sucedido ao Concello.

O dolmen está fechado e conta cun aviso. (Foto: BNG)
O dolmen está fechado e conta cun aviso. (Foto: BNG)

O Goberno municipal de Vigo impediu, hai unhas semanas e sen previo aviso, o acceso do público ao dolmen da Casa dos Mouros, que está na zona de Candeán. Ante a falta de explicacións e o feito de que o valado de obra non se retire, o grupo local do BNG pediu información á equipa de Abel Caballero.

“O dolmen da Casa dos Mouros é un dos de maior envergadura e en mellor estado de conservación da cidade”. Fronte a esta afirmación do portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, dáse a circunstancia de que este elemento de alto valor cultural e patrimonial leva varias semanas fechado cun valado de obra.

Na imaxe que ilustra esta nova pode verse un aviso, mais o Concello non forneceu máis información nin no ámbito da política municipal. Non se viu a ninguén traballando na zona nin se coñece cando se retirará ese perímetro de seguridade.

Ante a incerteza, Igrexas vén de pedir explicacións de a que se debe este fechamento pois sería preciso “reforzar a protección e a divulgación do patrimonio histórico da cidade”. De feito, xa se preguntara polo asunto na última reunión da Comisión Informativa de Patrimonio pero non houbo resposta.

Despois de ver o aviso de “risco de derrube”, o representante do BNG insiste en que o espazo “ten un inmenso valor patrimonial”.

“Por iso queremos que o Goberno municipal aclare os motivos deste valado e se se trata dunha actuación puntual ou non”, engade.

Aproveitando as circunstancias, o edil lembra que, malia que o dolmen foi recuperado nos anos 90, “unha gran porcentaxe da cidadanía de Vigo non o coñece”. Ao fío desta situación, incide na necesidade dunha liña de traballo do Consistorio para dar a coñecer o patrimonio da localidade.

Ademais de solicitar unha sinalización axeitada, tamén insta a acondicionar eses “verdadeiros monumentos que son testemuña da historia remota da cidade e das persoas que a habitaron moito antes ca nós”.

comentarios