Crítica de cinema das sextas feiras

"A favorita", ao asalto dos Oscar

favorita2
photo_camera Un fotograma do filme

A FAVORITA

The Favourite

(Irlanda-Reino Unido-EUA 2018, 119 min.)

Dirección: Yorgos Lanthimos

Guión: Deborah Davis e Tony McNamara

Fotografía: Robbie Ryan

Elenco: Olivia Colman, Emma Stone, Rachel Weisz, Nicholas Hoult, Joe Alwyn, Mark Gatiss, John Locke, James Smith

 

SINOPSE

Século XVIII. Inglaterra está en guerra con Francia. A raíña Ana (Olivia Colman), gravemente enferma, ocupa o trono mentres a súa conselleira e amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) goberna por ela. Abigail (Emma Stone), prima de Sarah, chega a palacio para poñerse ao servizo da súa parente, pero o principal obxectivo será o de recuperar o seu status social.

 

CRÍTICA

Xunto coa Roma de Cuarón, A favorita é o filme con máis nomeacións (10) aos Premios Óscar 2019. Se ben non é “a favorita” para levalos todos –malia seu título–, si merece todas e cada unha das nomeacións ás que foi proposta: deseño de produción, vestiario, actriz principal, actriz secundaria (x2), montaxe, fotografía, guión orixinal, dirección e película. A segunda feira 25 de febreiro, de madrugada, iremos sabendo se acaba por ser a gran vencedora... ou a gran perdedora.

O guionista de televisión Tony McNamara e máis a produtora Deborah Davis toman a historia real das disputas entre Sarah Churchill e a súa prima Abigail por recibir os favores da raíña Ana de Inglaterra, como base para escribir unha traxicomedia negra con ecos a All about Eve, no que as actrices levan a batuta argumental nun guión redondo repleto de leas de poder, sedución, amores turbulentos e fina retranca aderezada con algunha que outra secuencia grotesca.

Nada menos que tres actrices nomeadas. A Mellor Actriz de Reparto polo rol de Sarah, a sempre solvente Rachael Weisz (que xa ten un Óscar na mesma categoría por O xardineiro fiel), unha nomeación que comparte coa estrela en alza Emma Stone (que tamén ten un Óscar, pero na categoría de Mellor Actriz Principal, por La La Land) que interpreta a doce, pero perversa, Abigail; unha personaxe hipnótica que irá evolucionando paseniño ao longo da fita. Palabras maiores para o despregue intepretativo dunha Oliva Colman nomeada a Mellor Actriz Principal co aval de ter xa nas vitrinas da casa un Globo de Ouro e unha Copa Volpi pola inmensa interpretación que fai da raína Ana... e non só porque gañara 16 quilos para interpretala. Colman e Weisz xa traballaran xunto Yorgos Lanthimos en Langosta (filme polo que estivo nomeado a Mellor Guión Orixinal) así que xa coñece os límites a onde as pode levar.

Lanthimos desta volta non firma o guión pero non por iso renuncia ao seu marcado, e recoñecido, estilo “marca da casa” centrado nun universo acoutado (desta volta entorno ao palacio da raíña) e as diversas relacións que se van desenrolando dentro deste particular microcosmos. Coma sempre, procura escapar do convencional, tanto na realización coma no fondo formal. Travellings en todas as direccións posíbeis, panorámicas das estancias con paneos (ao estilo Cuarón en Roma, por certo), xiros dramáticos inesperados, excentricidades atemporais (atención ao baile), personaxes decadentes e diálogos memorábeis... de feito o filme está estruturado en 8 capítulos que levan por título unha desconcertante frase sacada de contexto pronunciada dentro do capítulo. Unha cousa tan sinxela provoca un xogo (algo perverso) que incita o público para que estea atento, de maneira consciente ou inconsciente, para captar o momento no que se vai pronunciar esa frase que acaba de escoitar. Moi curioso... Ata nos títulos de crédito é orixinal. Paga a pena quedar ata o final.

Mención aparte merecen a marabillosa fotografía de Robbie Ryan (Philomena, Slow West) desenvolvida, practicamente, á luz das candeas; ou o impresionante deseño de produción de Fiona Crombie (Macbeth); ou tamén o deseño de vestiario da oscarizada Sandy Powell, que pode acadar desta vez o seu cuarto Óscar (tenos por Shakespeare in Love, O aviador e A raíña Victoria) nunha gala na que conta con dobre nomeación pois tamén o está polo vestiario de O regreso de Mary Poppins.

Ademais de mala baba, e dúas hora a mar de entretidas, A favorita desborda cinefilia polos catro costados. Xunto as chiscadelas gastronómicas e os paralelismos estéticos cos seus anteriores filmes (Langosta e O sacrificio dun cervo sagrado), veñen á mente sutís inspiracións a obras da talla de Barry Lyndon (de Stanley Kubrick), O contrato do debuxante (de Peter Greenaway), Gritos e susurros (de Ingmar Bergman) ou Amadeus (de Milos Forman). Referencias que non fan máis que engrandecer o prodixioso presente, e futuro, que ten Yorgos Lanthimos: un dos directores imprescindíbeis do momento.

Comentarios