Fasero deixa a Agadic para fichar pola empresa privada: dirixirá a Sgae do Noroeste

O que foi director da Axencia galega de industrias culturais desde xullo de 2009 até a actualidade, vén de anunciar que de novembro en adiante traballará ''en favor dos autores''. O Consello da Xunta aceptou o seu cesamento voluntario, a pesar de que o mundo da cultura pediu a súa demisión nas rúas após lles prohibiren desde a Xunta do PP a celebración nun teatro público do Día mundial desta disciplina


O xa ex-director da Axencia galega de industrias culturais --Agadic--, Juan Carlos Fernández Fasero, será nomeado en novembro director da SGAE do noroeste do Estado español --Galiza, Asturias e Cantrabria--, após ser aprobado o seu cesamento como responsábel da primeira entidade, cargo que ostentaba desde xullo de 2009.

Dixo Fasero que o obxectivo polo que pulará durante o seu mandato será "socializar" a Sgae e mellorar a súa imaxe perante a cidadanía, ao tempo que traballará a reo "en favor dos autores". Na liña, desde o propio organismo aplaudiron a escolla do ourensán, de quen destacan "o seu vínculo natural coa cultura, a experiencia na xestión e a implicación cos dereitos dos autores e a propiedade intelectual".

'Fasero censura a nosa cultura'
Porén, a estima que o director da Agadic espertou no mundo da cultura foi outra ben distinta. A súa decisión de prohibir que os colectivos teatrais celebrasen o 26 de marzo o Día mundial desta disciplina nun teatro público de Compostela, o Salón Teatro, levou a actrices, actores e persoas vinculadas á profesión a se manifestaren en contra da consellaría de Cultura --liderada por Jesús Vázquez-- con lemas como 'Fasero censura a nosa cultura' ou 'Censura tras censura, ensaiando a ditadura'.

"Estamos nun país cheo de contedores culturais mais a xente do teatro vémonos obrigados a celebrar o noso día na rúa e ás portas dun teatro público que está fechado", dixo daquela o presidente da Asociación de actores e actrices da Galiza, Antonio Durán 'Morris'. As desavinzas entre @s traballador@s da cultura e a Xunta do PP culminaron na destitución de Blanca Cendán, directora do Centro dramático galego, a quen Jesús Vázquez sinalou como responsábel de ter autorizado a celebración no Salón Teatro.

Porén, o que se pediu con insistencia nas rúas foi a demisión de Fernández Fasero ao o consider responsábel directo de que Cendán fose apartada do seu cargo. O mundo da cultura agrupouse na Plataforma das artes escénicas, e a aclamada demisión non se produciu nunca. Fasero deixou voluntariamente a Agadic "por motivos persoais" e unhas horas despois anunciou a súa nova responsabilidade á fronte da empresa privada.

As axudas máis cuantiosas da Agadic, para a empresa de Fasero
O compositor ourensán, empresario de grupos folk, fundador e ex-guitarrista de Mutenrohi, tomou posesión do cargo á fronte da Agadic --dependente da consellaría de Cultura-- só vinte días antes de que esta axencia subvencionase con 18.172,60 a Zouma Producciones S.L. Cando se aprobaron as tres partidas --o 22 de xullo de 2009-- era o propio Fasero exercía de administrador da empresa, vendendo as súas participacións a unha terceira persoa seis días despois do reparto das axudas.

A consellaría, que daquela aínda non se integrara con Educación e que dirixía Roberto Varela, á súa vez presidente da Agadic, xustificou as partidas sinalando que Zouma Producciones "é unha das discográficas máis importantes de Galiza e sempre recibiu axudas deste departamento, tamén do bipartito". Porén, entre 2005 e 2009 unha das argumentacións máis repetidas desde as bancadas do PP foi que a Agadic era "o chiringuito do BNG".

Menos apoios e convocatorias de urxencia coa lexislatura pechada
En 2012, Industrias Culturais reduciu en até 360 mil euros o apoio público a festivais de música e teatro. Antes de pechar a lexislatura a Xunta convocou pola vía da urxencia dous concursos de méritos para seleccionar @s nov@s director@s nos departamentos de Política Audiovisual e Produción Teatral. Senllos postos de traballo estarán dotados dunha retribución bruta de 40 mil euros anuais.

A convocatoria non se fixo pública a través de ningunha canle oficial e levaba data do 30 de agosto, após se convocaren as eleccións nacionais e se esgotar a lexislatura. Aliás, o tempo de presentación das solicitudes contaba cun prazo de tres días laborábeis, malia fixar as propias bases cinco días para presentar a documentación requirida. 

Comentarios