Vaia vaia: fanzines e autoedición danse cita en Lugo no seu primeiro encontro

Desde o concello de Lugo e a galería de arte Solaina anuncian unha xornadas cheas de actividade o 21 e 22 de novembro. 
Ferreiro e integrantes de Solaina presentan o primeiro encontro Vaia Vaia.
photo_camera Ferreiro e integrantes de Solaina presentan o primeiro encontro Vaia Vaia.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto con representantes da galería de arte Solaina o 1º Encontro de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia, unha nova proposta cultural para o último trimestre do ano 2020 que terá lugar a fin de semana do 21 e 22 de novembro.

 Ferreiro explicou que “Vaia Vaia é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de modo participativo, colorista, amábel e culturalmente aberto e activo”.

“Vaia Vaia é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de modo participativo, colorista, amábel e culturalmente aberto e activo”, di Ferreiro

Durante os dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas.

A iniciativa pretende abrazar o amador e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características.

O punto de encontro principal de Vaia Vaia será o mercado de fanzines localizado na rúa Soto Freire, que contará con 20 artistas.

Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para reunir contidos que permitan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais.

Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento. “Todas as actividades serán de balde e seguirán os protocolos de prevención que vimos aplicando para garantir a Cultura Segura”, explicou Ferreiro.

Comentarios