Fantoches Baj estrea un "Pedro e o lobo" con bandas musicais

O 23 de novembro a compañía Fantoches Baj estreará en Pontevedra, Pedro e o lobo, unha particular versión do clásico para público infantil e apegado á realidade galega e coa música da banda da cidade ao vivo. 

Deseño para Pedro e o lobo
photo_camera Deseño para Pedro e o lobo

O 23 no Teatro Principal de Pontevedra acollerá a estrea de Pedro e o lobo, o novo espectáculo da compañía Fantoches Baj que iniciará a súa xira por distintas localidades da man das bandas municipais locais. Desta volta, a Banda de Música de Pontevedra será a encargada deste primeiro encontro da montaxe co público, dentro do ciclo "Concertos en Familia" organizado pola Concellería de Cultura da Cidade. 

Como anteriormente fixo con As Pombas do Carboeiro, a compañía Fantoches Baj idea un espectáculo que ten como banda sonora a propia tradición musical do país, as bandas de música populares que porán sons ao vivo á representación. Non será o único sinal de identidade que achegará Pedro e o lobo á nosa realidade. Inacio Vilariño, o director da obra, decidiu situala nunha en Montefurado, nunha poboación próxima a unha estación de tren abandonada. “Fun á miña infancia e recuperei a imaxe de estar co meu avó nunha aldea ao final da estrada e próxima á vía do tren. A relación é intensa e o que máis me interesa é como aqueles vellos resistían nunha casa que estaba desfacéndose, a relación co agro e o encontro de cando eramos pequenos con todo ese mundo”, explica Inacio Vilariño para quen, dalgunha maneira, a obra reivindica tamén o transporte ferroviario de cercanía. 

Retoma Fantoches Baj a liña que inauguraron con As pombas do carboeiro e volven traballar canda as bandas de música, tanto en espectáculo aberto como en concertos didácticos, adaptando o clásico de Prokofiev á tradición musical galega. Benxamín Otero encárgase dos arranxos musicais sobre o clásico mundial. 

A paisaxe e a arte

Coma en anteriores propostas, o coidado na expresión estética é un dos sinais da compañía que está presente na montaxe. Desta volta, Iván Suárez é o deseñador de figurinos e escenarios imprimindo a súa marca de artista ao espectáculo. A relevancia da paisaxe, a montaxe á maneira de maqueta coa vía de tren como protagonista que permite a extensión da imaxe será unha das singularidades de Pedro e o Lobo. Tres antigos operarios do ferrocarril que senten paixón polo s trens son os que relatarán o conto. A obra recolle a historia de Pedro e Irati son unha parella fillos e netos de traballadores do ferrocarril que viven agora nun parque onde se reproduce en miniatura o circuíto dun tren a vapor. 

Fantoches Baj, compañía con sede en Lalín, opta desta volta pola técnica do bunraku, con referente no teatro xaponés. Tres son os manipuladores que participan na representación, un deles coa cara á vista engadindo a súa expresividade de teatro de actores ao relato das marionetas. Inacio Vilariño, Luís Iglesias e Larraitz Urruzola son os tres actores que participarán na obra. 

Para Inacio Vilariño, a iniciativa contribuirá tamén a atopar novos públicos para as bandas e un maior achegamento ás crianzas que valorarán en Pedro e o lobo a calidade das agrupacións musicais tradicionais, que toman desta volta o lugar dedicado tradicionalmente ás orquestras sinfónicas. 

(Publicado na sección "Okapi no Courel" do semanario Sermos Galiza n. 119)

Comentarios