Contracultura

Fanny + Alexander: "Queriamos facer parte dunha escena da que nos sentimos pais dalgunha maneira"

Noel Feáns, músico, forma, xunto con Efi Arias, o dúo Fanny + Alexander, que despois de doce anos volve sacar un novo traballo, A túa ausencia neste ar. Feáns aborda o concepto do disco, relacionado coa perda e co colectivo, así como o panorama musical galego xa que, como el di, “queríamos facer parte dunha escena da que nos sentimos pais dalgunha maneira”.
Noel Feáns e Efi Arias son os integrantes de Fanny + Alexander (Foto cedida).
photo_camera Noel Feáns e Efi Arias son os integrantes de Fanny + Alexander (Foto cedida).

Como xurdiu A túa ausencia neste ar tras doce anos?

Para nós persoalmente foron anos un pouco difíciles e por iso deixamos de facer música, mais nos últimos tempos as cousas volveron ao seu rego e apetecíanos, sobre todo por desfrutar da boa saúde da escena galega. Hai que pensar que cando nós existiamos os grupos de música moderna que cantaban en galego contábanse cos dedos dunha man. Había moitos de punk, de folk, mais a música alternativa non era tan común. Había unha ditadura do castelán e só eramos cinco ou seis grupos, que ademais nos coñecíamos entre nós. 

Hoxe en día non hai semana na que non saia un disco ou un sinxelo e o número de grupos é abismal. Por iso pensamos que foi unha época moi fermosa, mais que sobre todo foi plantar unha semente. Queríamos facer parte dunha escena da que nos sentimos pais dalgunha maneira. Nestes momentos non hai un estilo que non estea cuberto con varios grupos e considero que o galego é a lingua de prestixio, e non necesariamente a raíz de Tanxugueiras ou de Baiuca. Foi xermolando pouco a pouco. 

Ao levar a plataforma A Regueifa, estoume atopando ultimamente grupos de xente moi nova de Vigo ou da Coruña que son castelanfalantes, mais que fan música en galego. Iso demostra que é a lingua de prestixio: os seus ídolos cantan en galego e eles queren facelo tamén. E isto abre unhas posibilidades incríbeis no que respecta a recuperación da lingua. 

O disco xira arredor da perda. É unha perda persoal ou colectiva?

É un pouco unha sensación paradoxal, porque si que hai unha perda persoal, mais o produto en si foi pensado cunha vocación universal. 
Queríamos dar esa imaxe de disco conceptual no que todas as cancións xiran arredor do mesmo tema converténdoo tamén nunha obra case colectiva e inclusive poliédrica. Por isto seguimos na liña dos anteriores, contando con moitas colaboradoras a nivel de letras e de versos, desta volta cos pequenos spoken words que fomos metendo nas cancións. Axudou moito que todas as autoras quixesen colaborar. 

A perda é un tema universal porque, por desgraza, hai cancións coas que calquera, antes ou despois, vai poder empatizar con elas. Falamos da perda relacionándoa coa morte dos pais e dos avós, da perda da namorada ou do namorado, mais tamén dun mesmo, da conciencia persoal como ocorre coa demencia ou co alzheimer.

Tamén facemos referencia á perda da individualidade, que pode ir desde ter unha parella que te aliena até unhas circunstancias vitais que poden facer que te botes de menos a ti porque xa non te lembras de como eras antes. A música, como a arte en xeral, alén de conmover tamén ten unha función de reparar ou de reconfortar e iso é o que queriamos facer nós co disco.  

Precisamente este disco conta con autoras recoñecidas e outras que comezan a súa carreira.

É algo que nos caracterizou sempre: non discriminar en función do tamaño do nome da persoa. Para nós é algo moi natural, o que importa é que encaixen no disco e nos temas, que tivesen un sentido de estar aí. De feito, levounos máis tempo face a escolma e falar con elas e decidir como facíamos as cousas que gravar o disco en si, porque estas cousas hai que facelas de vagar, deixando macerar. 

Ademais, a poesía contemporánea non respecta a métrica case nunca, entón é habitual atopar poemas que serían marabillosos para unha canción, mais non atopar a forma de musicalos porque non hai maneira de encaixar nunha estrutura así.

Desta volta, contamos con voces como a de Ledicia Costas ou a de Xela Arias, mais tamén con Xess Mondelo, unha poeta que abrollou de Instagram e que penso que publicará en breve, ou con Theresa P. Lousame, que está centrada na videopoesía. 

Comentarios