Preséntao o 13 de abril en Compostela

Familia Caamagno xira cara ao pop enerxético no seu novo disco

Había que intentalo é o nome con que Familia Caamagno veñen de bautizar o seu novo disco. Nel consagran un xiro cara ao pop enerxético e, en palabras do seu cantante e letrista Manuel Caamagno, “ás melodías máis traballadas”. Preséntano o sábado 13 de abril na Sala Capitol de Compostela.
 

familiacaamagno
photo_camera A banda Familia Caamgno nunha imaxe de 2016. Foto: cedida.

Oito cancións e máis unha de bonus conforman o, en realidade, primeiro elepé da banda de Ordes. Atrás quedan tres epés -de seis temas cada un- e un sinxelo navideño. Do garaxe sesenteiro ao power pop, a Familia Caamagno leva sete anos a poñer a bailar públicos de toda condición por múltiples escenarios galegos e do exterior.

“Non sei se este disco supón unha evolución ou unha involución”, explica divertido Manuel Caamagno a Sermos Galiza, “pero si creo que as melodías están máis traballadas, son máis pop. Quero pensar que tamén as letras. Xa non temos vinte anos”. E, con todo, o humor e a incitación á danza seguen a ser fundamentais na proposta dos Caamagno.  

O grupo rexistrou Había que intentalo nos estudios Circo Perrotti de Xixón, que dirixe o mítico -na escena garaxeira estatal- Jorge Explosión, durante o mes de febreiro. O bonus, Canción Moderna de Occidente, adiantada en formato videoclip hai xa uns meses, gravárono con Hevi de Malandrómeda en Compostela.

A vindeira semana, Familia Caamagno -amais de Manuel, Jess, Francesco, Lano e Toni- pendurará unha nova canción e outro vídeo. O 8 de abril, o disco estará dispoñíbel nas plataformas dixitais. E o 13, coincidindo coa actuación da Capitol canda Oh! Ayatollah, en vinilo.

Nota: clip da canción bonus de Había que intentalo, o novo disco de Familia Caamagno.

Comentarios