Familia Caamagno remata terceiro na final do Suns Europe

A banda de Sigüeiro que representaba a Galiza na final do Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias, rematou terceira nunha apretadísima final do concurso da canción que se celebrou onte en Udine (Friuli, Italia).

familiacaamagno
photo_camera Un momento da actuación de Familia Caamagno na final do Suns Europe

A banda de rock'n'roll foi unha das favoritas desde o primeiro momento, e moito máis logo de que ofreceran un concerto completo no Teatro Nuovo de Udine o día anterior ao concurso, no que conseguiron erguer o público e que se puxeran a bailar sen excepción.

O resultado foi moi apretado entre as tres primeiras bandas, e a gañadora final resultou ser Steso, unha formación de triphop das illas Feroe, cunha proposta melancólica e introspectiva; e a segunda foi o cuarteto de metal progresivo Brieg Guerveno, da Bretaña francesa.

Outra das curiosidades da xornada foi que o participante córnico, Rory Mcgrath, un coñecido showman da televisión británica, formaba parte dunha proposta da BBC que está inserida na realización dun documental por parte desta cadea pública sobre as linguas minorizadas. E fixo estas declaracións: “A lingua córnica non morreu, estivo durmindo e agora estámola espertando”. 

A votación do xurado foi moi apretada e a diferenza entre as tres primeiras bandas foi moi escasa. Resultou gañadora a proposta electrónica das illas Feroe, Steso

A Familia Caamagno participou co tema ‘Lausanne’, do seu último disco 'Para unha vez que saímos’ (Lixo Urbano, 2016), unha canción de traza social no que contan a historia dunha familia de 'losers', aplicable a medio país. A letra, adaptada por eles, vén do poemario ‘Crónica do chan’ de Alberto Lema.

Os galegos competiron con outras nove bandas: Doro Gjat (Friuli), Berdon (Ladinia), Veronika Usholik (Cukotka, Rusia), Brieg Guerveno (Bretaña), Steso (Illas Feroe), Imlé (Irlanda), Rory Mcgrath (Cornualla), Norma (Frisia do Norte) e Gurude (Khakasia, Rusia).

O premio do público foi para as propostas máis afastadas estética e xeográficamente, recoñecendo as propostas chegadas desde as minorías rusas: Veronika Usholik e Gurude. 

O representante de Cornualla, Rory Mcgrath, un showman da televisión británica, formaba parte dunha proposta da BBC para facer un documental sobre linguas minoritarias

Segunda edición do Suns Europe

Esta é a segunda edición do Suns Europe (o ano pasado o representante galego foi Caxade), que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acolle diversas actividades do 1 ao 3 de decembro en Udine (Friuli), entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

Suns Europe non só é unha competición musical, tamén lle dá cabida a outras expresións culturais como o cinema ou a literatura, e elixe as mellores producións en linguas minoritarias do continente.