FESTIVAL EUROPEO DE LINGUAS MINORIZADAS

Familia Caamagno participa o sábado na final do Suns Europe

A banda de Sigüeiro representará mañá sábado a Galiza na final do Suns Europe, o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias que inclúe un concurso da canción e que se está a celebrar en Udine (Friuli).

familia
photo_camera Familia Caamagno

A banda liderada por Manuele Caamagno xa está nesta cidade do norte de Italia, onde hoxe ofreceron un pequeno concerto previo ao concurso. Mañá sábado, os Caamagno participan co tema ‘Lausanne’, do seu último disco 'Para unha vez que saímos’ (Lixo Urbano, 2016), unha canción de traza social no que contan a historia dunha familia de 'losers', aplicable a medio país. A letra, adaptada por eles, vén do poemario ‘Crónica do chan’ de Alberto Lema, tal e como nos contou Manuele Caamagno nunha entrevista este verán: “Nós adaptamos o texto libremente, pero conserva o espírito do poema, que nos gustou moito e no que nos vimos reflectidos. Case todo o mundo ten algún alguén que foi emigrante nos 70. Vimos o tema claro, saiunos esa liña soul debaixo e fixemos unha canción de forma alegre pero con contido triste”.

Familia Caamagno competirá con outras nove bandas: Doro Gjat (Friuli), Berdon (Ladinia), Veronika Usholik (Chukchi, Rusia), Brieg Guerveno (bretón), Steso (faroés), Imlé (gaélico irlandés), Aon Teanga: Un Çhengey (gaélico escocés, irlandés e da illa de Mann), Norma (frisón) e Gurude (cacasiano, Rusia).

Segunda edición do Suns Europe

Esta será a segunda edición do Suns Europe (o ano pasado o representante galego foi Caxade), que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acolle diversas actividades do 1 ao 3 de decembro en Udine (Friuli), entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

Suns Europe non só é unha competición musical, tamén lle dá cabida a outras expresións culturais como o cinema ou a literatura, e elixe as mellores producións en linguas minoritarias do continente.