Isabel Mociño, coordinadora de "Música e poesía desde a primeira infancia"

"Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas a LIX de calidade"

A Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega (AELG) organiza o ciclo de literatura infantil e xuvenil que leva por lema “Música e poesía desde a primeira infancia” e que comezará esta cuarta feira en Ourense. Conversamos con Isabel Mociño, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora das xornadas.

[Imaxe: AELG] Isabel Mociño
photo_camera [Imaxe: AELG] Isabel Mociño

En que consiste o ciclo?

O ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ten lugar por segundo ano e insírese dentro das actividades da AELG de autores e autoras na universidade, é dicir, levar á universidade creadores e creadoras. É un convenio da Universidade de Vigo coa AELG e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

"Percibo entre o alumnado que existe pouco coñecemento en xeral que poida fornecer criterios para seleccionar obras coa que traballar nas escolas"

Por que nacen estas xornadas?

Desde que estou aquí [é profesora da Facultade de CC da Educación do Campus de Ourense] vin necesidade de que alumnado puidese coñecer de primeira man os autores e autoras que crean literatura infantil e xuvenil, que é quen vai ter que traballar no futuro como mestres e mestras. Percibo que existe pouco coñecemento en xeral que poida fornecer criterios para seleccionar obras coa que traballar nas escolas. Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas esa LIX que se publica e que ten tanta calidade literaria, e que, pola outra banda, moitas veces se ignora. Eu vexo sistematicamente que, ano tras ano, o alumnado chega a terceiro de carreira e non coñece nada: autores, obras... e ao cabo dun ano esas persoas van estar opositando para ser mestres.

Entón, cal é o obxectivo?

O obxectivo é que a partir dunha serie de autores e autoras o alumnado teña ideas para poder traballar a literatura infantil e xuvenil nas aulas. Nesta ocasión, con “Música e poesía desde a primeira infancia”, queremos que o alumnado coñeza obras de poesía, coleccións en que se combine poesía e música, como traballar eses materiais nas aulas, cal é a importancia de achegar a música e a poesía á infancia... O alumnado é quen actúa como mediador entre os produtores (os autores e autoras) e o destinatario principal (a infancia).

"Hai moita produción para nenos que non ten unha calidade mínima, nin a nivel literario nin a nivel visual"

Como é o estado de saúde da nosa literatura infantil e xuvenil?

En termos xerais, goza dun estado de saúde moi bo, mais hai algunhas feblezas. Seguimos tendo unha produción anual onde hai unha serie de autores e autoras moi destacados a nivel galego e internacional; segue habendo editoras que apostan e seguen innovando; segue habendo un papel da tradución moi importante ao achegársenos clásicos que é necesario ter en lingua galega... mais é importante ver que houbo un baixón moi importante a respeito da calidade da produción. Falo en xeral. Os autores consolidados seguen mantendo a calidade, pero hai moita produción para nenos que non ten unha calidade mínima, nin a nivel literario nin a nivel visual (todo o que ten a ver coa ilustración). E tamén me preocupa a visibilización da produción. Antes da crise había suplementos de xornais en papel que lle daban unha visibilidade moi importante á LIX, pero nos últimos anos foron desaparecendo todos. É realmente preocupante ver que algúns medios emigraron á rede e non sempre é fácil chegar á rede. É necesaria unha crítica máis ampla e pormenorizada que cribe máis a produción que chega ás librarías, que, pola outra banda, non sempre ten a literatura galega en lugares visíbeis.

Que espera do alumnado?

O primeiro, que faga unha reflexión fonda, que sexa consciente das súas carencias, que lles afecta directamente ao labor que vai desempeñar no futuro. Ao inicio do curso, sempre fago unha enquisa para ver os coñecementos mínimos previos que hai entre os alumnos e alumnas e pregúntolles se se consideran capacitados para ser bos docentes. Percíbese un gran paradoxo: non saben autores nin obras que recomendar e, á vez, vense capaces de ser bos docentes. Teñen que se parar a pensar nas carencias e na necesidade de formarnos máis ala da propia universidade, onde, ademais, a literatura ten unha presenza anecdótica, sobre todo cando nos referimos á LIX. Non é normal que o Grado de Infantil non teña LIX como materia e que no Grao de Primaria sexa unha optativa.  A nivel curricular, podemos dicir que a LIX é unha anécdota.

Comentarios