Lucía Gómez, mestra: "A falta de empatía e comprensión son as maiores dificultades de accesibilidade"

A Editorial Galaxia acolle, na súa colección "Lectura fácil", o libro Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez. Trátase dunha obra que conta con pictogramas para achegar a todas e todos os lectores o labor cultural deste persoeiro, quen será homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022. Conversamos coa súa autora, mestra e especialista en Audición e Linguaxe, sobre literatura accesíbel.  

Lucía Gómez Álvarez é mestra e especialista en Audición e Linguaxe. (Foto: Cedida).
photo_camera Lucía Gómez Álvarez é mestra e especialista en Audición e Linguaxe. (Foto: Cedida).

Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo nace na colección "Lectura fácil". Como xorde a idea?

A idea de lanzar este libro xorde por varias razóns. A primeira delas porque son mestra de Audición e Linguaxe nun colexio e nunca hai material accesíbel sobre as letras galegas ou sobre a cultura galega. Outro motivo é que tampouco hai material publicado adaptado nin a pictogramas nin a lectura fácil neste ámbito. E, por último, pero non menos importante, porque considero que debemos transmitir a cultura a todo o alumnado e a toda a poboación para intentar que esta chegue ao máximo número de persoas. Ao fin e ao cabo significa incluír, que é o que se persegue. 

Non podemos esquecer que a accesibilidade é un dereito. Por iso, este tipo de libros, accesíbeis, son totalmente necesarios para chegar a todo tipo de públicos, en especial ás persoas que normalmente teñen moitas máis dificultades para acceder a toda a información. 

Nesta obra vostede bota man de pictogramas para facer a lectura máis accesíbel.

Este libro, en concreto, realiceino con pictogramas para ter unha forma de entendelo moito máis sinxela porque coas imaxes as e os lectores comprenden todo moito mellor. Creo que vai ser unha maneira útil e fácil de achegar a figura de Florencio Delgado Gurriarán, quen será para o próximo ano homenaxeado co Día das Letras Galegas. Esa foi a idea principal e o motivo para a elaboración do libro. 

A lectura é básica e primordial para todos os nenos e nenas

A lectura é básica e primordial para todos os nenos e nenas, sexa dentro do autismo ou dentro de calquera outra das necesidades, das múltiples que temos agora. Normalmente, o proceso de aprendizaxe nestes casos adoita demorarse un pouco máis e sempre hai que adaptar os materiais moito coas súas motivacións para que estean interesadas e interesados e esa aprendizaxe se desenvolva da mellor forma posíbel. 

Os pictogramas, como os deste volume, adoitan utilizarse moito, sobre todo en casos como o trastorno do espectro autista (TEA). Porén, tamén serven para outro tipo de alumnado que non teña necesidades porque permítelles unha autonomía á hora de ler (pensemos, por exemplo, en cando son máis pequenos e pequenas e están adquirindo a comprensión lectora). Este tipo de libros poden lelos eles e elas mesmas ou tamén podemos contarllos nós na casa... hai varias opcións porque facilitan moito esa aprendizaxe da lectura, a comprensión, a expresión...

deberiamos ser máis conscientes da importancia de elaborar materiais accesíbeis

Como profesional, cales son as tarefas pendentes en canto a accesibilidade?  

Considero que deberiamos ser máis conscientes da importancia de elaborar materiais accesíbeis, xa non só cada unha a nivel específico, senón tamén materiais xerais que nos poidan servir a todas no día a día. Neste sentido, estou segura de que este volume sobre Delgado Gurriarán vai facilitar o traballo do ano que vén a moitas profesoras e profesores. 

O noso día a día é buscar materiais, adaptalos e pensar como podemos estar incluíndo toda a sociedade e en todos os ámbitos da vida, tamén na cultura. 

En termos xerais, diría que fai falta máis comprensión tanto por parte de profesionais como de familias que non están tan conectadas con esta temática. Precisamos que se poñan no papel daquelas persoas con necesidades e que comprendan este tipo de alumnado. A falta de empatía e comprensión son as maiores dificultades.

Esta é unha realidade moi habitual e cada vez hai máis alumnado con necesidades. O autismo, por exemplo, está aumentando e canta máis visibilidade se lle dea, mellor. Por iso, a colección "Lectura fácil" de Galaxia é moi necesaria para esta poboación que, en xeral, está moi esquecida neste ámbito cultural. Sen dúbida, contribuirá a mellorar o mundo no que vivimos.

Comentarios