Pilar Pallarés, escritora

“Falo sobre a aniquilación e a derrota dunha clase social”

Sete anos despois do último poemario de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), o editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, peta na súa gorxa. Logo da longa espera, chega aos andeis Tempo fósil, cunha delicada edición en azul prusia brillante deseñada por Manuel Martínez. No libro, a voz poética aborda –como un gato, con distancia e entrega absoluta–, a nada que, após erixirmos todo, imos deixar atrás. Eis un extracto da entrevista.

foto_pallares
photo_camera foto_pallares

6“O incendio da memoria/mentres se parte o esternón da casa”. Así acaba o primeiro poema, que marca o ton do resto do libro.

Esa casa, en Culleredo, fíxoa o meu pai coas súas propias mans e traballamos nela absolutamente todos. Foi derrubada xunto con outras 70 en decembro de 2011, na terceira ou cuarta ampliación do aeroporto de Alvedro. Eu daquela acababa de publicar Leopardo son, entón estaba noutra cousa. Coincide cunha época na que me entrou moito a teima de anotar para gardar na miña memoria circunstancias ou persoas que coñecín, sen pensar en leitores nin en literatura. A finais dese ano escribín tres poemas. O primeiro ten a ver con ese feito. É como enumerar o dafne, a roseira brava... existían todos na horta, non hai nada inventado. E o segundo poema non tiña tampouco que ver de inmediato, era só pensar onde estaban os ósos dos animais da casa: son destruídos, remexidos, mesturados... Os poemas ficaron alí e un ano ou dous despois escribín o terceiro. A partir de aí, lentamente, continúo o libro. A destrución da casa é un punto de partida e vaise mesturando cun proceso de aniquilación dunha familia moi pequena, unha que non está desde hai moito tempo. Non é un pai simbólico, é o meu pai, que morreu hai 25 anos e que agora mesmo está soterrado no cemiterio de Culleredo, nunha igrexa románica preciosa que ten enriba un terraplén inmenso. Entón o pai está aí, como unha presenza…

A morte, o paso do tempo e a irreversibilidade son constantes nas súas obras. En Tempo fósil, porén, esta visión é distinta, se callar máis en comuñón con outros seres?

Chámame moito a atención que sempre se observe a morte como unha constante na miña poesía, porque para min o sorprendente é que a morte non estea presente. É unha constante na vida, está aí, todos os días. Vivimos nunha sociedade onde todos facemos como que non existe, e para min tampouco é algo especialmente dramático… Non creo en nada transcendente, mais si creo nunha especie de continuidade na materia. O libro leva unha cita de Jean Rhys de O Mar dos Sargazos no que fala de que as persoas que teñen sorte morren dúas veces, as que non morren, moitas máis. Está facendo mención aos mortos vivos, aos vivos mortos… desde unha perspectiva non negativa.

Morremos, mais como materia continuamos. En certa maneira, nunca chegamos a estar completamente mortos. Unha persoa ou outros seres non morren se os gardamos na memoria, se están presentes na nosa vida, ou non morren se están soterrados e lles nace nova vida. Non é unha visión negativa da morte, para min é parte dun ciclo. En Tempo Fósil é unha casa, a aniquilación dun lugar… Téñenme dito que é no que o eu está menos presente. No fondo, estou eu completamente, o que pasa é que é unha experiencia moi persoal, un eu que está completamente formando parte dunha cousa. Penso que en ningún momento fago mención á desaparición das outras 70 casas que caeran coa miña porque dese núcleo de 70 casas non formabamos parte. Por iso non fago mención aos veciños, que tamén son exiliados e tamén perden, mais porque iso non existía na miña experiencia.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 304 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios