CRÍTICA DE MÚSICA

Fallen Angels: Bob Dylan, na esteira de Sinatra

Hai unha semana e pico que só escoito Fallen Angels, debo ter eu algo tamén de anxo caído. Desde que me enganchou con Street Legal en algún momento dos primeiros 80 do pasado século, son un devoto da relixión dylaniana. Nada do que vou escreber a seguir é obxectivo.

Bob Dylan

Fallen Angels é, segundo investigo, o disco oficial número 37 de Robert Allen Zimmerman, talvez o músico popular máis influente e determinante das últimas sete décadas. Coñecido como Bob Dylan, sen el hoxe o rock sería distinto (non tería cerebro, por utilizar unha frase usualmente atribuída a John Lennon). Voz nasal inconfundíbel e deliberadamente rasposa, Dylan ten un inusitado talento para as melodías e máis que un artista é un continente, nel danse todas as paisaxes imaxinábeis, desde o folk puro estilo Woody Guthrie até o country Johnny Cash pasando polo mellor rythm and blues stoniano.

Á hora de confesar a miña debilidade maior sempre dubidei entre este señor e Frank Sinatra, o outro icone da música popular norteamericana. Pois ben, Dylan resolveu a ecuación hai un par de anos cando puxo nos trinques Shadows in The Night, a súa primeira incursión no mundo dos standards, no cosmos dos crooner. Dylan sachando nas leiras de Sinatra, Crosby ou Bennett??? Are you crazy?? Non tal, estou nos meus cabais e Zimmerman, tamén. Prexuízos fóra, poñede Shadows in The Night e pasmaredes, aseguróvolo.

Se caístes no feitizo de Shadows in The Night andade con tino con Fallen Angels

Avísovos dunha cousa, se caístes no feitizo de Shadows in The Night andade con tino con Fallen Angels. É un paso adiante, non unha brincadeira. Dylan toma absolutamente a serio a enorme tradición do mellor cancioneiro popular norteamericano, o que Sinatra cristalizou nalgunha das máis brillantes composicións do jazz moderno. E abertamente, sen pudor, sen medo, a peito descuberto, que ten que perder este home aos seus 75 anos!, enfronta algunhas das empresas maiores coas que pode lidar un cantante de música popular. Que difícil é cantar Young at Heart, All the way ou It had to be you, e saír vivo, indemne, do intento!!! É mais, teño a impresión de que Dylan canoniza a súa versión de Nevertheless, bañada nunha saudade crepuscular que a fai absolutamente críbel, sofres co tipo, acompañalo, tes vontades de curarlle as feridas. Cando escoitas a un bon cantante tes a impresión de que o vas acabar coñecendo, de que sabes como é e como sente. E Dylan consegue ese efeito milagroso neste Fallen Angels, un cd en que, aliás, o vate de Minnesota decide que toca rexisto escrupuloso de crooner e crávao, proba irrefutábel de que o señor cando quer cantar como os anxos, caídos ou non, faino e en paz (se quer imitar a voz ranxadoira dos primeiros cantores do blues, como ten mostrado en varios traballos na última década faino tamén, esa versatilidade é o que o fai único).

No plano artístico (a pegada que deixe é outra cousa), Fallen Angels está á altura do mellor que este home leva producido desde que en 1962 apareceu sobre o palco. Non digo máis.

Comentarios