Faleceu Nélida Piñon, primeira presidenta muller da Academia Brasileira de Letras

A escritora, filla de emigrantes galegos, foi un dos nomes máis internacionalizados da literatura brasileira. Tiña 85 anos.
Nélida Piñón. (Foto: Ana Migliari)
photo_camera Nélida Piñón. (Foto: Ana Migliari)

A escritora brasileira Nélida Piñón, filla de emigrantes galegos, faleceu este sábado aos 85 anos nun hospital da capital de Portugal, Lisboa, segundo informou a Academia Brasileira das Letras (ABL).

A causa da morte de Piñón aínda non está confirmada, segundo o comunicado da institución, no que se lembraba a escritora como "unha das máximas representantes da literatura brasileira".

Piñón (Río de Xaneiro, 1937) foi a primeira muller en presidir a Academia Brasileira das Letras, da que tamén foi a quinta ocupante do asento número 30 como vogal. Tamén membro da Academia Brasileira de Filosofía, foi a primeira brasileira en recibir premios literarios tan importantes como o Premio Internacional Juan Rulfo de Literatura Latinoamericana e do Caribe. Así mesmo, gañou o Premio Gabriela Mistral en Chile, o Premio Jorge Isaacs en Colombia e o Premio Rosalía de Castro na Galiza.

 

Autora dunha sólida obra a súa orixe como neta de emigrantes galegos aparecía na súa obra, tanto nos libros memorialísticos como na súa novela A República dos Sonhos na que evoca o desterro dos seus avós, naturais de Cotobade. 

Dos 10 aos 12 anos, a escritora viviría en Cotobade, unha etapa que ía marcar a súa biografía e a uniría de maneira aínda máis intensa coa terra. “Naquela aldeia, não havia entraves para mim. Enlaçava os rastros brasileiros e as pegadas galegas sem sofrer. E ainda que no início encontrasse dificuldade de repetir os nomes das aldeias de Cotobade, que eram treze, intuia que de cada localidade gotejava um sange também meu”.

A escritora foi doutora honoris causa das universidades de Poitiers, Santiago de Compostela, Rutgers, Florida Atlantic, Montreal e UNAM. En 2012, foi nomeada Embaixadora Iberoamericana da Cultura. En 2014,  ingresou na Real Academia Galega como embaixadora mundial da Galiza.

 

Nélida Piñón é, xunto con Jorge Amado e Paulo Coelho, o nome máis internacionalizado da literatura brasileira. Ademais de formar parte do "boom" latinoamericano, rompeu unha serie de fronteiras e abriu o camiño aos escritores brasileiros.

Así, entre a súa obra, que foi traducida a máis dunha vintena de países, destacan novelas como Fundador, Tebas do Meu Coração, A República dos Sonhos, ou Vozes do Deserto, entre outras.

Comentarios