Falece Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex presidente da Academia Galega

Faleceu de madrugada no sanatorio da Coruña onde estaba ingresado.
Xosé Ramón Barreiro
photo_camera Xosé Ramón Barreiro

Faleceu Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936), historiador e quen fora presidente da Real Academia Galega entre 2001 e 2009. Faleceu aos 84 anos de idade no sanatorio da Coruña onde estaba ingresado.

Barreiro naceu na localidade barbanzá de Ribeira. Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario. Doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade e foi catedrático de Historia Contemporánea de Galiza na mesma universidade. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia.

Desde o 20 de decembro de 2001 até o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo  Francisco Fernández del Riego. Foi membro desde a súa fundación do Consello da Cultura Galega

Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galiza e están recollidos nunha ampla lista de artigos e obras. Destacan: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990) ou os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX que publicou dentro do proxecto editorial Galicia (1991).

Recibiu o Premio da Crítica (Investigación), en 1985 e 2000, o Premio Santiago da TVG no ano 1987, a Medalla Castelao no ano 1991, a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela e o Premio da Asociación de libreiros, entre outros.

O seu libro Murguía recibiu o Premio da Crítica 2013 na modalidade de Investigación.

A nova do pasamento causou un forte pesar no mundo da cultura e da investigación histórica da Galiza. 

Comentarios