Falece Zulueta de Haz aos 92 anos

O que fora presidente do Consello da Cultura e da Fundación Penzol morreu onte en Vigo aos 92 anos. Notario de profesión, sempre se implicou no eido social e cultural. 

zulueta
photo_camera Alfonso Zulueta de Haz [Foto: CCG]

Alfonso Zulueta de Haz, nado en Pontevedra en 1924 foi un destacado galeguista católico, que presidiu o Consello da Cultura logo da morte repentina de Carlos Casares (de 2002 a 2006), e foi presidente da Fundación Penzol até o pasado decembro, cando xa foi relevado por Manuel Puga a causa da súa delicada saúde. 

Fundación Penzol: "Deixounos onte despois dunha vida de entrega xenerosa á causa galeguista"

Esta fundación, ligada á editorial Galaxia, despedíao hoxe así: "Alfonso Zulueta deixounos onte despois dunha vida de entrega xenerosa á causa galeguista (...). Bo e xeneroso, era unha persoa moi querida pola súa afabilidade e polo seu trato cordial e cortés. En xullo do 2014, rendímoslle na Penzol unha emotiva e merecida homenaxe de recoñecemento polos seus 90 anos, un sentir que reiteramos hoxe ao participar a triste nova do seu pasamento. O noso agarimo está hoxe coa súa dona, Teresa, cómplice de vida e de causas. Recordarémoste sempre, querido Alfonso, sempre". 

Ademais, Zulueta foi un dos fundadores e primeiro presidente do Ateneo de Pontevedra (1966-1969), tamén foi presidente da Editorial SEPT, especializada en obras relixiosas. Implicouse en política durante a transición, sendo un dos fundadores do Partido Galego Social Demócrata en 1974, do que foi vicepresidente até 1978 ao se unir o seu partido co Partido Popular Galego para dar nacemento ao Partido Galeguista. Ademais, participou na redacción do Estatuto de autonomía de Galicia (1980) no referente ao dereito e idioma galegos como mérito preferente para a provisión de notarías. 

Alén do Consello e da Penzol, Zulueta participou en numerosas entidades, tanto culturais como sociais, como as fundacións  Juan XXIII, Sálvora, Isla Couto e Otero Pedrayo, alén da propia Galaxia. Desde o Consello da cultura tamén se salientou o seu labor "como impulsor da tradución da biblia ao galego e a súa contribución a normalizar o galego no ámbito xurídico".

Comentarios