Falece a poeta María do Carme Kruckenberg aos 88 anos de idade

A prolífica escritora, considerada “unha das voces máis libres e potentes da poesía galega de todos os tempos”, deixa un inmenso legado literario. 

Foto: AELG
photo_camera Foto: AELG

A poeta María do Carme Kruckenberg faleceu este sábado, véspera do Día das Letras Galegas, aos 88 anos de idade. A prolífica escritora , considerada “unha das voces máis libres e potentes da poesía galega de todos os tempos”, deixa un inmenso legado literario. 

Entre as decenas de títulos, destacou sempre a súa faceta poética, desde que comezara a fiar os primeiros versos con tan só 14 anos. Unha vocación literaria que levouna a trazar amizade cos membros máis destacados da intelectualidade da súa xeración.

Socia de honor da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, da que fora vicepresidenta, a obra de Kruckenberg recibiu numerosos premios, entre eles a Medalla de Galiza, a Medalla Castelao ou o Premio Laxeiro en 2011.

“A poeta viguesa morreu tranquila e sen dor, coa mesma calma coa que sempre soubo vivir a súa vida arrebatada e plena”, asegura nun comunicado a Editorial Galaxia, que publicou a biografía Vivir, unha aventura irrepetíbel, escrita man a man por Mercedes Queixas Zas e a propia Kruckenberg.

Os restos mortais da poeta foron trasladados o tanatorio de Pereiró, na súa cidade natal. Logo dunha breve cerimonia relixiosa, celebrarase este domingo as 18 horas unha homenaxe cívico-poética.

Comentarios