Falece o músico Rogelio Groba aos 92 anos

O compositor Rogelio Groba faleceu na tarde desde 1 de xaneiro na Coruña. Groba é unha referencia da música galega dos últimos 70 anos.

Roxelio Groba.
photo_camera Rogelio Groba. (Foto: Fundación Rogelio Groba).

Rogelio Groba (Ponteareas, 1930) faleceu este 1 de xaneiro de 2023 após de todo unha vida como músico, compositor e director de orquestra. Director durante máis de 23 anos da banda da Coruña, comezou a súa carreira musical na banda de Unión de Guláns no seu concello natal.

Formado musicalmente no conservatorio de Vigo e no Real Conservatorio de Música de Madrid, dirixiu durante anos diversas bandas de vento e formacións corais na capital do Estado.

Á volta de 1962, emigrou a Suíza, onde dirixiu diversas agrupacións, realizou algunhas composicións e entrou en contacto cos movementos que daquela estaban a revolucionar a música culta europea.

Retornado a Galiza dirixiu as bandas municipais da Estrada, Tui e Ponteareas, recalando en 1968 na Coruña como director da  Banda-Orquestra Municipal da Coruña. Anos, despois creou a Orquestra da Coruña, manténdose a fronte da mesma durante décadas.

Groba foi o promotor da Orquestra Sinfónica, facendo parte da mesma como compositor asociado. Precisamente, no primeiro repertorio estivo presente a súa composición Ultreia.

A súa actividade como director de orquestra compaxinouna coa docencia musical.  Exerceu como profesor de harmonía, contrapunto, fuga e composición no Conservatorio de Música da Coruña, institución que dirixiu durante 20 anos.

O seu labor musical mereceu diversos premios e recoñecementos, destacando entre eles o premio da Crítica, o premio Cultura Galega 2011 ou a Medalla Castelao.

Groba, cuxa obra pode encadrase nunha órbita nacionalista de universalización da música galega, deixa unha extensa obra musical formada por máis de 700 pezas. Así, entres estas destacan 10 cantatas, sete sinfonías, cinco óperas e 19 concertos.

Comentarios