Coñecido pola banda sonora de 'Zorba o grego'

Falece Mikis Theodorakis, a voz da resistencia do pobo grego

Mikis Theodorakis faleceu esta quinta feira en Atenas, deixando Grecia sen un dos seus heroes populares. 
Mikis Theodorakis. Foto: Contacto / Europa Press
photo_camera Mikis Theodorakis. Foto: Contacto / Europa Press

Foi sobre todo músico, mais foi tamén escritor, político e, sobre todo, un espírito independente que soubo estar do lado das loitas populares ao longo dos seus 96 anos de vida. Mikis Theodorakis faleceu onte en Atenas, deixando Grecia sen un dos seus heroes populares.

A súa era unha voz que o pobo recoñecía como propia.

Theodorakis pertenceu á resistencia antifascista durante a II Guerra Mundial, foi internado e torturado nun campo de concentración e alzouse contra a "ditadura dos coroneis" que sufriu o seu país de 1967 a 1974.

Tras o golpe de Estado, foi detido, encarcerado e desterrado nunha illa, mais a presión internacional logrou que lle permitisen saír do país e estabelecerse en Francia. A súa era unha voz que o pobo recoñecía como propia. 

A fama mundial veulle da banda sonora de Zorba o grego, que acabou converténdose nun sinal de identidade do país. Mais compuxo centos de pezas: sinfonías, ballets, óperas, pezas populares,bandas sonoras...

Entendeu a música como unha arma en favor das causas sociais, e púxoa ao servizo de diversas loitas de emancipación en todo o mundo. 

Colaborou con Pablo Neruda para musicar o Canto general deste último (en 1971, durante o seu exilio, fóra invitado a Chile por Allende e o propio Neruda) e foi na xira emprendida para mostrar ese traballo, en 1983, cando visitou a Galiza: máis de cen persoas, entre músicos e cantantes, ocuparon o escenario do Pavillón das Travesas en Vigo nun concerto que aínda se lembra hoxe. 

Como declarou a presidenta grega, "escribiu música que se entrelazou cos eventos históricos e sociais de Grecia nos anos da posguerra, música que brindou alento, consolo, protesta e apoio nos períodos máis escuros da nosa historia recente”.

Comentarios