Falece Juan Gelman, o poeta “orfo de fillo” contra a ditadura arxentina

Con 83 anos e na súa casa de Cidade de México, faleceu esta terza feira Juan Gelman, o gran poeta da literatura arxentina que alzou a súa voz contra a ditadura que o converteu no que el chamaba “orfo de fillo”.  En 2010 fora homenaxeado na Galiza ao ser recoñecido pola AELG como Escritor Galego Universal. 

.
photo_camera .

Cando Juan Gelman se atopa en Uruguai coa súa neta 23 anos despois da desaparición e morte por parte da ditadura arxentina do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, preñada entón, a súa imaxe percorreu o mundo enteiro. Gelman alzábase como a figura da dignidade, da loita contra a represión e unha memoria que non descansa diante das atrocidades dunha ditadura que conmocionou ao mundo e que a el o convertería en exiliado durante boa parte da súa vida. Poeta inmenso, a imaxe de Gelman era a do pai que, máis de dúas décadas despois, abrazaba á filla do fillo asasinado, como tantas nais, como tantos pais na Arxentina que non acougaron ate dar cos seus netos roubados ou nacidos no cativerio dos seus fillos. 

Polo rescate da historia

Gelman nacera en Bos Aires en 1930, fillo de emigrantes xudíos ucrainos e a súa traxectoria, despois de varios oficios, habíase de encamiñar cara ao xornalismo, a tradución e a poesía. Roma, Madrid, Managua, París, Nova Yorque ou o México ,no que morreu, serían algunhas das cidades do seu longo exilio, que comezaría en 1975 cando, pola súa militancia política nos Montoneros, se viu na obriga de fuxir da ditadura, que marcaría de maneira intensa a súa vida. A desaparición do seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, e o descoñecemento do paradoiro da neta, deixaría unha ferida aberta na súa biografía da que confesaba que non sanaría nunca. No ano 2000, dous despois de que finalmente puidera enterrar os restos de seu fillo, Gelman escribía en Página 12 -o xornal no que colaborou durante boa parte da súa vida- o artigo “Elogio de la culpa” na que se definía como “orfo de fillo: “Agora ten sepultura e é este un feito sumamente importante para un pai orfo de fillo, como son, porque o rescate dos seus restos foi o rescate da súa historia”. 

Autor de obras como Violín y otras cuestiones, El juego en que andamos, Gotán, Sefiní, Valer la pena, Oficio Ardiente ou Miradas ​nunha conta ampla de libros que pecharía Hoy, Gelman fíxose cos máis relevantes premios literarios para autores en español, entre eles, o Cervantes, o Juan Rulfo ou o Reina Sofía de Poesía Latinoamericana. 

En 2010 recollía na Galiza o recoñecemento como Escritor Galego Universal e entón, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), entidade que lle outorgaba o premio, lembraba as palabras de Julio Cortázar nas que defendía que “o máis admirable na súa poesía é a súa case impensábel tenrura alí onde máis se xustificaría o paroxismo do rexeitamento e a denuncia, a súa invocación de tantas sombras desde unha voz que sosega e arrola, unha permanente caricia de palabras sobre tumbas ignotas”.

Comentarios