venres 03/12/21

Falece o musicólogo José López Calo, académico das Belas Artes

O Padre Calo, como era coñecido entre os seus alumnos e alumnas, foi catedrático de Historia da Música da USC e o seu labor fíxoo merecedor de numerosas condecoracións, entre as que destacan a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1989) ou o Premio das Letras e Artes da Galiza (2002).
 
O-finado-José-López-Calo
José López Calo (Xurxo Lobato).

A Real Academia Galega de Belas Artes vén de comunicar o pasamento, que tivo lugar durante a xornada de onte, “dun dos membros máis activos e sobranceiros” da centenaria institución: o reverendo Don Xosé López Calo, a quen se honrou, ademais de numerario, como académico de honra.

O Padre Calo, como era coñecido entre os seus alumnos e alumnas, amigas e compañeiras, levou a cabo unha fonda tarefa no eido da historia da música galega, estudando fondos musicais catedralicios e defendendo as músicas tradicionais, especialmente a coral.

Catedrático de Historia da Música na Universidade de Santiago de Compostela, escribiu máis de 60 libros de musicoloxía e máis de 250 artidos nas principais publicacións especializadas no mundo, así como en enciclopedias e dicionarios da música, entre os que destacan as súas colaboracións ao dicionario alemán alemán Die Musikin Geschichte und Gegenwart, e no The New Grove Dictionary of Music and Musicians.

Entre a súa produción tamén destacan numerosos catálogos e documentarios de arquivos das principais catedrais do Estado español (Ávila, Burgos, Calahorra, Granada - catedral e capela real -, Palencia, Plasencia, Santo Domingo de La Calzada, Santiago de Compostela, Segovia e Zamora).

O seu labor fíxoo merecedor de numerosas condecoracións nacionais e internacionais, entre as que destacan a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1989) ou o Premio das Letras e Artes da Galiza (2002).

“Dalgún xeito o Padre López Calo, como os grandes creadores ou profesionais sigue vivo a través de toda a súa inmensa obra, será sempre exemplo, referente e alí onde haxa boa música haberá un anaco de ceo e nel o espírito do noso lembrado compañeiro académico”, explican desde a Real Academia de Belas Artes.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Falece o musicólogo José López Calo, académico das Belas Artes
comentarios