O transformador da música brasileira

Falece João Gilberto, creador da bossa nova

O compositor e guitarrista brasileiro João Gilberto, un dos creadores do xénero musical bossa nova e transformador da música brasileira, faleceu aos 88 anos. Así o comunicou o seu fillo Marcelo Gilberto, quen escribiu en inglés nas redes sociais que seu pai faleceu “tentando manter a dignidade fronte a perda da súa soberanía”.

João Gilberto [Imaxe RTVE]
photo_camera João Gilberto [Imaxe: RTVE]

O pai da bossa nova, o compositor e guitarrista brasileiro João Gilberto, faleceu aos seus 88 anos en Rio de Janeiro, segundo comunicou o seu fillo Marcelo Gilberto na súa conta de facebook, escribindo en inglés que seu pai morreu “tentando manter a dignidade fronte a perda da súa soberanía”.

O músico brasileiro xa pasara en vida á historia da música mundial sendo un dos creadores do xénero bossa nova e revolucionando a música brasileira desde os ritmos nados no sur de Rio de Janeiro.

O músico naceu o 10 de xuño de 1931 en Juazeiro, ao nordeste do Brasil e faleceu este sábado 6 de xullo en Río de Janeiro.

Gilberto saíra da escena pública xa hai anos, mais a súa música seguiu e segue soando nas rúas do Brasil e en todo o mundo cos seus ritmos derivados da samba e influenciados polo jazz.

O artista Gilberto Gil, para quen João Gilberto foi unha referencia na súa carreira, publucou un vídeo na súa conta de facebook para lembrar a primeira vez que ouviu a voz e a guitarra “do mestre”.

O artista Caetano Veloso sinalou após coñecer a triste nova que Joao Gilberto chegara “no momento exacto” á súa vida e que "deu sentido profundo á percepción das artes en calquera nivel".

A cantante Gal Costa afirmou a través das súas redes sociais que a cultura brasileira está de loito ao perder unha personalidade lendaria, o pai da Bossa Nova.

A ex presidenta do Brasil, Dilma Rousseff lamentou a través da súa conta de twitter o falecemento de Gilberto e a ausencia que deixa nun momento de “eclipse internacional” que o Brasil padece, en referencia ao goberno da ultradereita de Jair Bolsonaro.

 

O pai da bossa nova

O xénero musical da bossa nova deriva da samba e está influenciado polo jazz e significou toda unha reformulación dos ritmos brasileiros. Xurdiu a finais dos anos cincuenta da man do propio João Gilberto e doutros músicos como Tom Jobim, Vinícius de Moraes e outros mozos cantores e compositores do sur Rio de Janeiro.

No ano 1961 Gilberto concluíu unha triloxía de álbums cos que internacionalizou a bossa nova baixo os títulos Chega de Saudade; Brazil's Brilliant; O amor, o sorriso e a flor.  

Comentarios