Hai dous meses Fran Pérez (Silleda, 1968) cancelaba unha xira pola Península para presentar o seu último traballo, un proxecto compartido con Uxía que levou o nome de 'Baladas da Galiza Imaxinaria' e que tamén os levara a unha extensa xira por Estados Unidos.
Nas últimas semanas, malia a súa enfermidade, Narf foi quen de xuntar forzas para levar adiante o seu concerto no Womex que tivo lugar o 22 de outubro, no que presentaba o seu proxecto xunto cos mozambicanos Timbila Muzimba. Ao día seguinte, ofrecía para o público compostelán un derradeiro e emotivo concerto que rematou sendo unha despedida.
Traxectoria
Desde novo participou nos movementos máis anovadores da música galega. Fixo parte de bandas como a Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Foi un dos fundadores da Sala Nasa en 1992 e ten composto numerosas bandas sonoras para teatro, ademais de participado como actor nalgunhas montaxes de Chévere. Tamén compuxo as músicas para o filme de animación para nenos 'O labirinto dos soños'.
Ten publicado tres traballos en solitario: 'Narf. Directo en Compostela' (2003), 'Tótem' (2007) e 'Nas tardes escuras' (2013, sobre textos de Rosalía de Castro).
Na súa carreira a procura de partenariados con outros músicos de todo o mundo foi unha constante. Desde 'Mundo café (2003) xunto con Jabier Muguruza e Miquel Gil, até 'Alô irmao' (2010) co guineano Manecas Costa e o seu último traballo, 'Baladas da Galiza Imaxinaria' (2015), con Uxía, ademais de Bumba, o proxecto cos mozambicanos Timbila Muzimba que viña de recuperar.