Falece Ernesto Chao, un dos actores galegos máis populares

Pesar no mundo da cultura polo falecemento dun profesional de dilatada experiencia na televisión e o teatro e unha persoa "excepcional"

ernestochao
photo_camera ernestochao

Poucos rostros había máis populares na escena galega que o de Ernesto Chao. Sobre o palco dos teatros fixera parte dalgunhas das pezas chave da dramaturxia de todas as épocas, do Rei Lear de Shakespeare ao Galileo Galilei de Bertolt Brecht. Pero foi a televisión a que o converteu nunha presenza familiar para as galegas e galegos: entre 1995 e 2006 interpretou Miro Pereira na mítica serie da TVG Pratos combinados.

ernesto chao como albor en fariña

E, con todo, Chao -que nacera en Ribadavia, unha das capitais galegas do teatro, en 1943, e morreu esta segunda feira en Compostela- non era unicamente un actor cómico. Nin unicamente un actor. En 1986 e 1987 dirixiu o Centro Dramático Galego. Foi presidente da Asociación Galega de Actores e Actrices. Prestou a súa voz ás mobilizacións en defensa do galego organizadas por Queremos Galego.

Para o cinema traballou con José Luis García Sánchez -na adaptación de Divinas palabras (1987)-, con Carlos López Piñeiro na mítica Urxa (1989), ou nas Trece Badaladas (2002) -Xavier Villaverde sobre a novela de Suso de Toro. Un dos seus últimos papeis no audiovisual foi o de Xerardo Fernández Albor na teleserie Fariña.

Coa súa propia compañía teatral, Lagarta, lagarta, montou de 2004 a 2011 obras como Unha hora na vida de Stefan Zweig ou O segredo dos Hoffman e obtivo varios premios María Casares.“Un dos grandes piares do teatro galego tal e como o coñecemos agora”, afirmou esta mañá nas redes sociais a Revista Galega de Teatro. Internet encheuse de condolencias, da Deputación da Coruña á Asociación Galega do Audiovisual ou o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez.

Nota: fotograma da teleserie 'Fariña', en que Ernesto Chao intepretou o ex presidente da Xunta Xerardo Fernández Albor.

Comentarios